Capcom presenta novidades para Monster Hunter Stories 3, Dragon’s Dogma 2, Onimusha e Resident Evil

venres, 26 de xuño do 2026 Redacción

Capcom aproveitou a emisión do seu novo Capcom Spotlight para anunciar contidos e actualizacións para varios dos seus principais xogos, con especial protagonismo para Monster Hunter Stories 3: Twisted Reflection, Dragon’s Dogma 2: Dark Arisen, Onimusha: Way of the Sword e a celebración do 30º aniversario da saga Resident Evil.

Novo DLC e actualización gratuíta para Monster Hunter Stories 3

O xogo de rol Monster Hunter Stories 3: Twisted Reflection recibiu xa o DLC de pagamento Additional Side Story: Rudy, que afonda nas orixes do Felyne Real Rudy e permite reencontrarse con Navirou, o coñecido personaxe das anteriores entregas da serie. A historia reúne por primeira vez a ambos os personaxes mentres afrontan unha nova aventura na que tamén aparece Nergigante, un dos dragóns anciáns máis emblemáticos da franquía.
O contido descargable xa está dispoñible para Nintendo Switch 2, PlayStation 5, Xbox Series X|S e PC (Steam), incluído sen custo adicional para os propietarios das edicións Deluxe e Premium Deluxe.
Coincidindo co lanzamento do DLC tamén chegou unha actualización gratuíta centrada no contido posterior ao remate da campaña. Introduce os chamados Royal Monsters, versións moito máis poderosas de practicamente todas as criaturas do xogo. Para desbloquealos é necesario superar a batalla final en dificultade elevada cunha partida completada.

A expansión Dark Arisen chegará en outubro a Dragon’s Dogma 2

O director Kento Kinoshita ofreceu novos detalles de Dragon’s Dogma 2: Dark Arisen, expansión que estará dispoñible o 9 de outubro para Nintendo Switch 2, PlayStation 5, Xbox Series X|S e PC.
A nova aventura traslada os xogadores á rexión xeada de Norgan, un territorio abandonado onde deberán investigar o misterio dun Dragón Caído sen corazón e dunha enigmática perseguidora chamada Eir. A expansión incorpora un novo ciclo de progresión baseado na exploración de reliquias, que poden identificarse para obter armas e habilidades máis poderosas.
Entre as novidades tamén figuran doce novos alxubes, opcións adicionais de personalización (incluíndo peiteados e tatuaxes) e diversas melloras de calidade de vida.
Antes da estrea da expansión publicarase, a finais de agosto, unha actualización gratuíta que mellorará o rendemento en todas as plataformas, engadirá máis espazos de gardado, modificará o funcionamento da Dragonsplague e ampliará de catro a seis o número de habilidades de arma equipables.
As reservas xa están abertas e inclúen como incentivo o conxunto cosmético Norgan Fashion Set – Northern Attire. Quen reserve a edición completa para PlayStation 5, Xbox Series X|S ou Steam tamén poderá acceder inmediatamente ao xogo base.

Dohatsu-ten, un novo inimigo para Onimusha: Way of the Sword

Capcom tamén mostrou unha nova secuencia de Onimusha: Way of the Sword, centrada en Dohatsu-ten, un poderoso guerreiro Genma que actuará como un dos xefes do xogo.
Este inimigo destaca pola súa gran velocidade e por unha espada que incrementa o seu poder a medida que se impregna co sangue do protagonista, Miyamoto Musashi, converténdose nun rival cada vez máis perigoso durante o combate.
O xogo chegará este setembro a PlayStation 5, Nintendo Switch 2, Xbox Series X|S e PC (Steam, Epic Games Store e Microsoft Store). As reservas inclúen a aparencia de espada Sealed Curse e o amuleto Lion Dog, mentres que xa pode descargarse unha demo de balde nas distintas plataformas.

Resident Evil celebra o seu 30º aniversario

A franquía Resident Evil continuará coa programación do seu 30º aniversario tras o recente anuncio de Resident Evil Veronica e o éxito de Resident Evil Requiem.
Entre as actividades previstas figura a exposición The World of Resident Evil 30th Anniversary Exhibit, que poderá visitarse entre o 30 de outubro e o 24 de decembro no edificio Shibuya Beam de Toquio, cun percorrido inmersivo pola historia da saga.
Tamén continuará a xira internacional de concertos Resident Evil 30th Anniversary Concerts – Symphony of Legacy, que comezará o seu percorrido mundial este mes de agosto cun repertorio que repasará tres décadas de música da serie interpretada por orquestras sinfónicas.

Vídeo do Capcom Spotlight