Capcom recompilará en disco 8 dos seus xogos descargables para Xbox 360

mércores, 14 de decembro do 2011 Marcus Fernández

A editora e desenvolvedora de videoxogos Capcom anunciou hoxe o lanzamento en exclusiva para Xbox 360 do recompilatorio Capcom Digital Collection, que incluirá nun único disco 8 xogos publicados anteriormente en formato descargable a través de Xbox LIVE Arcade, e que venderase a un prezo de 39,99 dólares (nos EE.UU.). Os títulos que incluirá Capcom Digital Collection serán 1942: Joint Strike (actualización do clásico 1942 ao que se lle incorporaron gráficos en 3D en alta definición, conservando a xogabilidade orixinal deste shoot’em up), Bionic Commando: Rearmed 2 (revisión da saga Bionic Commando que conseguiu trunfar ao conservar unha mecánica 2D, mentres que o seu irmán maior en 3D desenvolvido por GRIN foi todo un fracaso), Final Fight: Double Impact (adaptación do clásico beat’em up que se limita a un filtrado dos seus gráficos para unha visualización agradable nos actuais televisores de alta definición), Flock!, Rocketmen: Axis of Evil, World of the Battlefield: Commando 3, Super Street Fighter II Turbo HD Remix (versión remozada para a alta definición do xogo de loita de referencia en máquinas recreativas) e Super Puzzle Fighter II Turbo HD Remix (adaptación á alta definición do xogo de quebracabezas que destacaba por amosar personaxes de xogos de loita caricaturizados).

O remozado gráfico de 1942 na Xbox 360 é realmente bo, adaptando incluso o ancho da pantalla para ter unha mellor experiencia de uso en pantallas de alta definición
Bionic Commando conseguiu ter boa acollida na Xbox 360 na súa versión con mecánica 2D
O Final Fight permanece fiel á súa versión orixinal na Xbox 360
Puzzle Fighter é un dos xogos adaptados a HD

PUBLICIDADE