Capcom resucitará o seu clásico Strider a primeiros de 2014

venres, 19 de xullo do 2013 Marcus Fernández

En 1989, antes incluso do lanzamento do seu célebre Street Fighter II, Capcom trunfou en máquinas recreativas cun xogo de acción de desprazamento lateral chamado Strider, no que controlamos a un ninja de alta tecnoloxía nun futuro distópico, que chegou a ter secuelas (a última chegou no ano 2000 á primeira PlayStation) e que, no marco da Comic-Con de San Diego, anunciaron que vai rexurdir a primeiros do ano que vén para Xbox 360, Xbox One, PlayStation 3, PlayStation 4 e PC, con gráficos en alta definición e unha xogabilidade frenética como permiten as plataformas domésticas actuais.
O novo xogo adopta unha perspectiva lateral, con certo nivel de profundidade (no que dan en chamar dúas dimensións e media) e con gráficos modelados en 3D e grandes efectos visuais. Permitirá derrotar a multitude de inimigos a grande velocidade, vivir escenas de acción trepidante e recuperar a fórmula que convertera ao xogo de recreativa orixinal nun éxito que promete repetirse.


Vídeo no que podemos ver en acción o novo Strider

PUBLICIDADE