Carballo, Arteixo e A Laracha impulsan un pioneiro programa de IA para optimizar investimentos
xoves, 21 de maio do 2026
Os concellos de Carballo, Arteixo e A Laracha suman forzas para, en palabras dos seus alcaldes, “situarse na vangarda da xestión pública grazas ás novas tecnoloxías”. Segundo confirmaron, os tres municipios colaborarán no desenvolvemento do proxecto Cognix, unha ambiciosa plataforma de intelixencia artificial (IA) que presentarán de forma conxunta á convocatoria da Iniciativa Urbana Europea, un programa dependente da Comisión Europea.
Para perfilar os detalles desta candidatura os días pasados mantiveron unha xuntanza de traballo o concelleiro de Captación de Recursos Públicos, Daniel Barreiro, o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, e o concelleiro da Laracha Pablo Cambón. Os tres municipios solicitarán unha achega de dous millóns de euros, que financiaría integramente o desenvolvemento deste novo programa.
O eixe central de Cognix reside no uso da análise de datos masivos (Big Data) e da intelixencia artificial para transformar a xestión local. A plataforma, sinalaron, “recollerá datos abertos e dispoñibles en redes sociais e dispositivos electrónicos para monitorizar, de forma totalmente anónima e agregada, as necesidades e comportamentos da poboación nos espazos públicos”.
Engadiron que “a gran innovación do proxecto é que permitirá estratificar a poboación en diferentes segmentos (infancia, mocidade, persoas maiores, persoas neurodiverxentes ou con necesidades específicas de accesibilidade) para saber cales son os espazos (como parques, centros sociais ou liñas de transporte) que se utilizan máis e de que maneira”.
Esta información reverterá directamente na cidadanía a través de dúas vías: investimentos eficientes (o Concello poderá dirixir os seus cartos cara a onde sexa máis necesario, por exemplo, se os datos indican que un parque infantil é empregado maioritariamente por nenos e nenas de 0 a 3 anos, os servizos dese espazo reforzaranse e adaptaranse especificamente a esa franxa de idade) e unha aplicación personalizada (a veciñanza contará cunha ferramenta dixital para consultar que servizos e espazos do municipio se adaptan mellor ás súas características; deste xeito unha persoa con mobilidade reducida poderá saber ao instante que contornas están mellor adaptadas á súa situación).
“Cun modelo que entende e escoita o territorio, os nosos concellos converteranse nos primeiros municipios galegos en operar baixo unha gobernanza urbana cognitiva”, salientaron, engadindo que “isto supón dotar os servizos municipais de capacidade preditiva e de apoio estratéxico á hora de tomar decisións a longo prazo”.
Sinalaron tamén que o valor de Cognix irase despregando de forma progresiva en diferentes eidos do día a día da veciñanza dos tres termos territoriais, cos seguintes puntos fortes:
-Melloras na mobilidade: redución da conxestión de tráfico e optimización das rutas.
-Información en tempo real: consulta de capacidades e tempos de espera nos servizos públicos.
-Inclusión real: por primeira vez, o deseño do espazo público pensará estruturalmente en persoas que moitas veces se autoexclúen por mor da hipersensibilidade sensorial ou a neurodiverxencia, ofrecéndolles contidos e rutas adaptadas ao seu ritmo cognitivo.
-Sostibilidade: protección activa das contornas naturais e patrimoniais.
O proxecto tamén abre unha xanela de oportunidade para o comercio, a hostalaría e o sector cultural de Carballo, Arteixo e A Laracha. Os establecementos locais poderán sumarse á plataforma de xeito totalmente voluntario —a través de axentes coma as asociacións de comerciantes e empresarios— para acceder a información agregada da súa contorna, recibir formación de balde en “hospitalidade inclusiva” e atraer un fluxo de clientes que se axuste perfectamente ao tipo de negocio que ofrecen.
Con esta alianza, os tres concellos queren avanzar cara a un modelo de “co-creación”, onde “a administración, o sector produtivo e a cidadanía colaboran estreitamente para construír un municipio máis intelixente, accesible e integrador”.
