Carballo Interplay fai un chamamento a encher as redes de webseries en galego

mércores, 27 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

Xa comeza a facer balbordo, quecendo o panorama de webseries galego e estatal, a sexta edición do Festival Carballo Interplay, este ano máis impulsando máis que ca nunca o talento dixital da nosa terra. Sen ir máis lonxe, dúas series nadas no marco do festival, Dinosauro e Hai vida en Bran?, optan este sábado a un Premio Mestre Mateo. Amais destas novidades, a organización do certame (Interplay Producións e o Concello de Carballo) veñen de lembrar a relevancia de dúas actividades en marcha: o Campamento Kamikaze e o Premio a proxectos de webserie en galego.
Do primeiro dimos conta os días pasados, con motivo da apertura do prazo de inscrición para participar na segunda edición do mesmo. Pola súa banda, o galardón ás iniciativas de webserie en galego, convocase por terceiro ano consecutivo e virá cun premio de 1.500 euros para a proposta gañadora. O galardón resolverase cun pitching en directo durante o festival e a dotación económica deberá destinarse á produción dos primeiros capítulos da webserie premiada, que se proxectarán na sétima edición do festival.
Outra das novidades do Carballo Interplay é a gravación, estes días, de Compostela Sígueme, a webserie impulsada por un grupo de estudantes de Comunicación Audiovisual da USC baixo a dirección de Nuria Cancela que obtivo o premio ao mellor proxecto no 2018 e que se presentará no Interplay o 4 de abril. Sígueme conta a historia dunha psicóloga que leva a cabo unha terapia experimental e está protagonizada por Paula Cereixo, acompañada por actores e actrices xa consagrados como Antonio Mourelos, María Costas, Xosé Barato ou Monti Castiñeiras. Segundo informa a organización do festival, as persoas que queiran seguir o ronsel deste equipo e presentar os seus proxectos de webserie en galego poden facelo ata o 17 de marzo a través da web carballointerplay.com.
A edición deste ano do Carballo Interplay tamén quere poñer o foco na nova xeración galega de creadoras e creadores arredor das redes sociais YouTube e Instagram. Por este motivo, acubillarase un recanto do festival, durante a primeira semana de abril, para que mostren o seu quefacer e as súas propostas. Nas xeiras networking participarán (entre outras e outros) Marcos López, creador da canle de YouTube Telejaita; Miguel Silva Conde, gañador do premio Youtubeir@s 2018 con Aquel-e; Laura Cruxeiras, gañadora do Youtubeir@s 2017 coa súa canle Corasón de churrasco; o artista coruñés Edu Fernández, creador en 2015 de Chica de la Coru; a crítica millennial, feminista e queer Olaxonmario; a xornalista da TVG Alba Mancebo; e mais a actriz e presentadora María Mera.

PUBLICIDADE