Carballo é unha das 65 sedes españolas do festival internacional Pint of Science
venres, 5 de abril do 2024
Pint of Science, o festival de divulgación científica que propón un encontro entre investigadores e público nos bares, chega por primeira vez a Carballo. O concello bergantiñán será un dos 65 de toda España que encherá os establecementos hostaleiros de ciencia os días 13, 14 e 15 de maio, nun evento que se celebrará de xeito simultáneo en máis de vinte países de todo o mundo.
Segundo explican fontes do Consistorio, o festival Pint Of Science é “un evento de índole internacional que convida as persoas investigadoras da localidade ou que desenvolven a súa actividade profesional na nosa contorna a compartir os seus coñecementos contigo nun ambiente relaxado e distendido: o bar”.
En Carballo contarase con tres establecementos colaboradores e cun nutrido grupo de investigadores e investigadoras cuxas identidades daranse a coñecer nos vindeiros días. O equipo organizador está formado por Iván Andrade Tasende, concelleiro de Innovación, Fondos europeos, Formación, Emprego e Axenda Urbana; Verónica Bolón Canedo, enxeñeira e doutora en Informática, investigadora e experta en IA, e Cristina Abelleira Martínez, responsábel de comunicación do Concello de Carballo.
En España, a iniciativa articúlase desde a Asociación de Divulgación Científica Pint of Science España, creada co propósito de organizar este festival, e con sede social na localidade de Mojácar (Almería).