Cargoffer, gañadora do premio da Cámara da Coruña no marco de Impulsa Startup

martes, 15 de outubro do 2024 S. P.

O marketplace loxístico Cargoffer foi o proxecto mellor valorado polo xurado do programa Impulsa Startup da Cámara da Coruña. Este martes 15 de outubro tivo lugar na sede da entidade o acto de presentación de proxectos do programa que foi lanzado este ano para axudar a emprendedores cunha idea de negocio de base tecnolóxica axudándolles a facer realidade os seus proxectos, ofrecéndolles apoio e acompañamento, tanto na fase inicial do proxecto como no seu desenvolvemento, ata construír un produto mínimo viábel (MVP) para testear en mercado.
A primeira fase do programa que finalizou este 15 de outubro, a da maduración do negocio (Crea e Crece), está destinada a emprendedores cuxa idea de negocio sexa potencialmente escalábel, é dicir, a tecnoloxía debe ter un papel protagonista no posterior crecemento e expansión da futura startup.
Os proxectos que participaron nesta primeira fase recibiron apoio dun titor da Cámara que os guiou por todo o proceso de formación, creación e validación da idea de negocio.
O proxecto de Cargoffer baséase nun marketplace loxístico terrestre onde as empresas publican as súas necesidades de transporte de mercadorías. A aplicación calcula os roteiros óptimos, restricións de circulación e paradas de reposición. O xurado, formado polo director xeneral da Cámara da Coruña, Manuel Galdo; o subdirector da entidade, Carlos Fernández; o socio fundador de Startups.st Venture Capital, Juan Carlos Bugallo e o responsábel do programa na Cámara da Coruña, Luis Miguel González, elixiu esta proposta tendo en conta o esforzo durante o programa, é dicir, a formación, as mentorías e o traballo realizado durante o mesmo; a calidade do Investor Deck realizado durante o programa e a presentación realizada este martes 15.
O proxecto gañador recibiu unha axuda de 1.600€ para a consolidación do proxecto.
Outros proxectos presentados
• AMPM Music & Records: plataforma web de cursos profesionais e clases online de guitarra e produción musical, con obradoiros especializados; servizos de creación musical; mestura e masterización, ademais de tenda online.
• Coaching: curso de adestramento profesional (coaching) en liña que conta con ferramentas para chegar aos usuarios de maneira eficiente.
• Cúrame: trátase dun método de fabricación, rápida e eficiente, de pezas compostas en fibra de carbono de maneira que se prolongue a súa vida útil, co propósito de cumprir cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS).
• IA Licita: esta solución proporciona informes de licitación pública combinando tecnoloxía de Intelixencia Artificial con enfoques adaptativos para satisfacer as necesidades específicas de cada segmento de cliente.
• IFCAR: plataforma que xera informes de coches de segunda man e que permite realizar vendas e compras.
• TallKi: é unha plataforma que busca innovar na mercadotecnia publicitaria de rúa a través de tecnoloxías emerxentes, combinando códigos QR dinámicos, Intelixencia Artificial e Realidade Aumentada.
• The Wapp: trátase dunha app de pezas de roupa para eventos sociais a través da que se poden vender e comprar pezas doutros usuarios.
• Toi Toi Toi: aplicación web de xestión e promoción cultural, para todo tipo de empresas do sector con aplicación móbil e con información de todos os eventos creados.
Seguinte fase: Despega
A segunda fase do programa, Despega, cuxa convocatoria xa está aberta, destinarase a proxectos que teñan un produto mínimo viábel (MVP) ou un prototipo testeado no mercado, que poderán comezar a desenvolver.
O emprendedor beneficiarase de mentorías personalizadas con expertos en materias adaptadas ás necesidades de cada empresa emerxente. A partir de aí, comezará a prospección de financiamento e a procura de investidores, ademais de fixar un plan de crecemento que incluirá unha estratexia de marca. Desta forma, axudarase aos emprendedores na preparación e presentación do proxecto a mentores e investidores. O Programa Impulsa Startup está cofinanciado polo Fondo Social Europeo, no marco do Programa de Educación e Formación, Emprego e Economía Social 2021-2027.