Carlos Vázquez Cendón (CITIC) liderará unha das principais revistas internacionais en matemática aplicada

luns, 4 de maio do 2026 S. P.

O investigador do CITIC da Universidade da Coruña e catedrático de Matemática Aplicada do Departamento de Matemáticas, Carlos Vázquez Cendón, foi nomeado co-editor xefe da revista científica Mathematics and Computers in Simulation, editada por Elsevier.
Estamos a falar dunha das publicacións internacionais de referencia no ámbito do modelado matemático, a simulación e a computación científica, cunha longa traxectoria e un alto impacto na comunidade investigadora. De feito a día de hoxe ocupa o posto 3 dun total de 344 revistas indexadas na área de Matemática Aplicada, segundo o Journal Citation Reports.
En 2025, a revista recibiu máis de 4.000 artigos, cunha taxa de aceptación aproximada do 10%, o que reflicte o seu elevado nivel de esixencia científica e o seu carácter altamente selectivo.
A proposta de nomeamento foi realizada por un comité específico da International Association for Mathematics and Computers in Simulation (IMACS) e, posteriormente, aceptada por Elsevier en base ao currículo do profesor.
Ata o de agora, Carlos Vázquez Cendón formaba parte do equipo editorial como un dos máis de 80 editores asociados, integrado por investigadores de prestixio internacional de todo o mundo.
Entre as funcións do co-editor xefe atópanse a recepción, coordinación e asignación de manuscritos aos editores asociados para o proceso de avaliación, así como a toma de decisións finais sobre a aceptación dos artigos.
Na actualidade, o investigador do CITIC da UDC tamén é editor xefe da revista SeMA Journal, publicada por Springer, e é editor asociado doutras revistas científicas de referencia como Applied Mathematics and Computation, International Journal on Computer Methods e Journal of Computational Finance.
O investigador destaca a responsabilidade que implica este novo cometido “dadas as funcións asociadas a este posto nunha revista científica seria e de moi alto impacto”. Vázquez Cendón indica que “as tarefas a desempeñar son adicionais ás da docencia, investigación e xestión dentro da universidade, pero alégrame que poida axudar aos indicadores de internacionalización do grupo, do CITIC e da UDC”. “A maioría de colegas de profesión e área valoran moi positivamente este tipo de nomeamentos e responsabilidades”, subliña.
A súa traxectoria investigadora no ámbito da matemática aplicada deu lugar a máis de 150 artigos, dos cales máis de 140 son publicacións JCR, e impartiu máis de 50 conferencias convidadas en congresos internacionais. Ademais, dirixiu 23 teses doutorais e un bo número de traballos fin de mestrado nos mestrados interuniversitarios nos que participa.
Parte da súa investigación desenvolveuse no marco de contratos de transferencia con empresas e administracións, e outra parte dentro de proxectos internacionais.