Carmageddon: Max Damage chegará este ano a Xbox One e PS4

luns, 22 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Os fanáticos dos xogos de Carmageddon que boten en falta a franquía nas consolas de nova xeración poden sorrir ao saber que Stainless Games anunciou que Carmageddon: Max Damage está a ultimar o seu lanzamento para Xbox One e PlayStation 4, de xeito que o xogo estará dispoñible a mediados deste mesmo ano.
Esta nova entrega de Carmageddon contará con máis coche que nunca, máis espazos e máis peóns, permitindo gozar da experiencia de atravesar Bleak City acabando cos nosos opoñentes tanto en local (na liña do xogo clásico) como en liña (nun modo no que un dos xogadores será elixido para ser perseguido e cazado).
Carmageddon: Max Damage tamén contará con repeticións (para o que podemos colocar cámaras para ver as desfeitas dende cada ángulo) e potenciadores para facer que a carreira mortal sexa tan divertida como sempre para os incondicionais deste curioso tipo de xogo no que reina o caos e a violencia sen sentido.

Tráiler de presentación de Carmageddon: Max Damage

PUBLICIDADE