Carmela López preside a Xunta Reitora da UNED, que estrea titulación en IA
venres, 26 de xuño do 2026
A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, presidiu este venres 26 de xuño a Xunta Reitora da UNED na sede lucense do centro universitario: unha sesión na que a directora da entidade, Ana Belén Traseira, deu conta dun récord de matrícula de 1.245 estudantes no curso 2025-2026. Datos que confirman a consolidación do centro lucense como universidade pública de referencia cun incremento do alumnado do 12,5% respecto ao curso 2024-2025.
A directora destacou tamén o impacto económico e social do centro, cun retorno estimado de 13,25 euros por cada euro investido. Ademais, puxo en valor o traballo desenvolvido en materia de transición ecolóxica e sustentabilidade, recoñecido co Galardón Nacional de Boas Prácticas e coa acreditación como primeiro centro da UNED en acadar o nivel 3 de calidade pola súa xestión, avaliación e sustentabilidade.
Na reunión, que coincidiu cos 18 anos de apertura do centro lucense, acordáronse os orzamentos para o exercicio 2027, a programación do próximo curso e as novas actuacións previstas polo centro.
Carmela López puxo en valor estes resultados, que "confirman a consolidación da UNED de Lugo como un referente da universidade pública e un recurso clave para facilitar o acceso á formación superior na provincia". Destacou tamén a implantación da nova titulación en intelixencia artificial o vindeiro curso, “unha aposta estratéxica para o futuro da provincia e un paso importante para reforzar a formación nun dos sectores tecnolóxicos con maior crecemento e proxección”.
Formación en intelixencia artificial
Como dixemos, UNED Lugo estrea este curso nova titulación en intelixencia artificial, en palabras de Carmela López “unha aposta estratéxica para o futuro da provincia e un paso importante para reforzar a formación nun dos sectores tecnolóxicos con maior crecemento e proxección”.
A mandataria provincial salientou que “a IA xa está a transformar a maneira na que traballamos, aprendemos e prestamos servizos públicos”, polo que considerou fundamental que a provincia avance nesta dirección e non quede á marxe destes cambios.
Sinalou tamén que a nova titulación alíñase coa estratexia provincial de Intelixencia Artificial MencIA, aprobada o pasado 26 de maio por unanimidade no pleno da Deputación, “coa que se busca impulsar a transformación dixital desde o ámbito público, con garantías, control sobre os datos e adaptada á realidade da provincia”. Incidiu ademais que “a innovación tecnolóxica debe servir tamén para reforzar os servizos públicos, acompañar aos concellos máis pequenos e garantir igualdade de oportunidades na provincia”.
