Carmela Silva enxalza en Vigo o potencial de capacitación tecnolóxica de SmartPEME

luns, 20 de novembro do 2017 Redacción

O programa SmartPEME, impulsado pola Deputación de Pontevedra para capacitar dixitalmente aos autónomos, PEME e traballadores da provincia (a través dun intensivo programa de actividades desenvolvidas dende as sedes de Pontevedra, Vigo, Porriño, Ponteareas, Cambados e Lalín, en colaboración estreita cos concellos), segue a subir novos chanzos en materia de participación e de implicación. Así o lembrou hoxe a presidenta provincial, Carmela Silva, acompañada polo deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, quen comezaron este 20 de novembro en Vigo unha xira polas diferentes sedes operativas de SmartPEME, as seis devanditas. Segundo recordou, o programa está a obter na devandita cidade “uns resultados espectaculares”. E engadiu: “No que levamos de 2017, realizáronse 194 asesoramentos TIC, fronte aos 86 do ano pasado”, o que representa, dixo, “un incremento moi notábel”, de arredor do 12%.
Tamén salientou o feito de que se chegase, grazas ás actividades de formación TIC desenvolvidas polos técnicos de SmartPEME, a un total de 62 empresas. En termos de porcentaxe, esta cifra achega un incremento do 7% respecto ás 58 empresas do ano pasado. Ademais, engadiu, “creáronse 48 novas contas e realizáronse 56 obradoiros aos que asistiron 474 persoas, estamos chegando a un número moi importante de persoas”.
Carmela Silva enxalzou o empuxe innovador e emprendedor de Vigo e a súa contorna, cunha alta taxa de iniciativas postas en marcha e lideradas por mulleres, “o que fala de que cando temos unha estrutura que nos permita ter oportunidades e damos pasos cara a adiante, con todas as dificultades que temos, acadamos o éxito”. De feito, na visita ás instalacións de Vigo, a presidenta provincial estivo acompañada por Ana, unha deseñadora de interiores do Porriño cuxo proxecto de mercado representa, en palabras da Deputación, un claro exemplo de éxito acadado co apoio de SmartPEME, ao abeiro do cal acadou asesoramento para crear unha páxina web e para mellorar a vertente visual da súa iniciativa.
Carmela Silva sinalou que, “fronte a proxectos anteriores que puideron ter algunhas destas empresas e que foron realizados por empresas externas, unha das cuestións máis relevantes de SmartPEME é que é un servizo público, que polo tanto non busca beneficio propio”. E engadiu: “Os nosos instrumentos están adicados unicamente a que se beneficien as empresas”, lembrando que a previsión é ir engadindo, ao abeiro de SmartPEME e seguindo o ronsel da actividade xerada no que vai de 2017, “moitas novas accións”.
Igualmente fixo un repaso polos resultados de SmartPEME na provincia: en 2017 realizáronse 1.217 asesoramentos TIC, fronte aos algo menos de 1.100 do ano pasado (un incremento do 12%) e realizáronse 273 obradoiros (un 4% máis que no período anterior) aos que asistiron 1.936 persoas (un 13% que en 2016).
O proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

PUBLICIDADE