Carmela Troncoso, á fronte do equipo de Privacidade e Seguridade de Gradiant

luns, 23 de marzo do 2015 Redacción

A investigadora e enxeñeira de Gradiant, Carmela TroncosoA enxeñeira viguesa Carmela Troncoso, da que falamos recentemente para dar conta da súa presenza en Amsterdam (no simposio PETS, amosando os traballos despregados por Gradiant en materia de simulación de tráfico e transporte) e da súa participación en HomSec (onde expuxo os detalles dunha tecnoloxía que faría posíbel a detección eficaz de posíbeis terroristas en voos de tipo comercial), é a nova responsábel do equipo de Privacidade e Seguridade de Gradiant, en palabras do centro tecnolóxico vigués “unha task force especializada que reforzará a posición de Gradiant nun eido no que xa acumula unha importante bagaxe, con participación en proxectos europeos e nacionais”, como SCAPE ou PRISMED, aos que cómpre engadir as iniciativas PRIPARE ou WITDOM, un proxecto que se dirixe en boa medida a fornecer unha nube máis segura e fiábel.
Deste xeito, Carmela Troncoso, até o de agora enxeñeira post doutoral en Gradiant, terá entre mans a responsabilidade de dirixir unha temática de gran potencial de crecemento no centro tecnolóxico. De feito, a actividade do mesmo en cuestións ligadas á privacidade e a seguridade multiplicouse nos últimos meses, “intensificándose de forma especial as colaboracións en eventos e foros de máxima relevancia para a investigación e a industria”. Así, aparte da presenza no PETS ou en HomSec, Troncoso participou no Real Word Crypto en Londres, no kick-off do proxecto WITDOM en Madrid ou na Computer Privacy and Data Protection de Bruxelas, entre outros eventos de alcance internacional.
Lembrar que a doutora Troncoso é enxeñeira de Telecomunicacións pola Universidade de Vigo. En outubro de 2006 uniuse ao grupo de investigación COSIC na Katholieke Universiteit Leuven (Bélxica) como estudante de doutoramento, finalizando en abril de 2011. A súa tese Design and Analysis methods for Privacy Technologies parcialmente financiada pola Fundación Barrié de la Maza, recibiu o premio á mellor tese doutoral en materia de seguridade do Consorcio Europeo de Investigación en Informática e Matemáticas. Carmela realizou estadías nunha manchea de grupos de investigación coñecidos en todo o mundo, como por exemplo o Microsoft Research Cambridge, o grupo Hatswich na Universidade de Illinois en Urbana-Champaign, ou o laboratorio LCA1 na École Polytechnique Fédérale de Lausanne. En outubro de 2012 incorpórase a Gradiant grazas ao proxecto europeo LIFTGATE.

PUBLICIDADE