Carmen Veiga destaca a boa acollida en Barreiros do programa E para dixitalizarse Lugo

xoves, 18 de xuño do 2026 S. P.

A tenente de alcaldesa e concelleira socialista de Servizos Sociais de Barreiros, Carmen Veiga, destacou hoxe a boa acollida do programa E para dixitalizarse Lugo, impulsado pola Deputación Provincial de Lugo, que onte celebrou a entrega de diplomas ás persoas participantes.
Segundo explicou Veiga, esta iniciativa tiña como obxectivo reducir a fenda dixital no rural e facilitar o acceso da poboación ás novas tecnoloxías, achegando formación dixital á veciñanza de diferentes puntos do municipio.
Durante os obradoiros, as persoas participantes recibiron formación práctica sobre o manexo dos teléfonos móbiles, o uso de aplicacións e a realización de xestións dixitais cotiás. A formación prestou especial atención ao uso seguro da banca electrónica, unha cuestión cada vez máis presente no día a día e que pode xerar dificultades entre a poboación con menos competencias dixitais.
Veiga subliñou que “non se trata só de aprender a usar un móbil, senón de gañar autonomía e seguridade para facer xestións básicas sen depender sempre doutras persoas”. Neste sentido, incidiu en que reducir a fenda dixital “tamén é defender a igualdade de oportunidades no rural”.
A concelleira socialista destacou ademais que a formación se impartiu en San Cosme, Celeiro de Mariñaos e San Xusto, o que permitiu achegar o programa a distintas zonas do municipio e facilitar a participación da veciñanza.
Dende o PSdeG agradeceron a colaboración das asociacións veciñais de Celeiro de Mariñaos e San Xusto, cuxa implicación foi fundamental para desenvolver os cursos nas súas respectivas contornas. “A colaboración co tecido asociativo é imprescindible para que os recursos cheguen a máis xente e para que as políticas públicas teñan impacto real nas parroquias”, sinalou Veiga.
Veiga tamén tamén deu os parabéns ás persoas participantes “polas ganas de seguir aprendendo” e defendeu a importancia de continuar impulsando iniciativas deste tipo en Barreiros. “O acceso ás novas tecnoloxías e a mellora das competencias dixitais son fundamentais no noso día a día para non quedar atrás, e dá gusto ver a tanta xente implicada en seguir formándose”, engadiu.