Carmucha VST, a 1ª ferramenta de percusión galega libre e de balde, estará dispoñible este venres

xoves, 4 de setembro do 2025 S. P.

Este venres 5 de setembro marca un antes e un despois na música galega: será o día en que se lance oficialmente Carmucha VST (siglas en inglés de Tecnoloxía de Estudio Virtual), en palabras dos seus creadores (Carlos Lijó e Miguel Ocampo) “a primeira ferramenta de percusión galega completamente libre e de balde”. Estará dispoñible en versións VST, AU e Standalone para Windows e Mac, permitindo aos músicos e produtores explorar máis de 250 patróns rítmicos, que inclúen muiñeiras, xotas, pasodobres e rumbas.
Carmucha ofrece dúas seccións principais: a Foliada, que simula unha foliada real con todos os instrumentos xuntos e un panel de mesturas para controlar volume, paneo e canal de cada instrumento; e a sección de Instrumentos individuais, que permite seleccionar e reproducir un a un diferentes instrumentos de percusión galega, como pandeiretas, tamborís, pandeiro e bombo.
O plugin tamén conta con paneis de axustes dinámicos, FX e EQ, permitindo personalizar golpes, ataque, release e efectos para lograr un son profesional e auténtico. Ademais, os usuarios poden axustar a velocidade dos patróns e arrastralos directamente ás súas pistas de gravación.
“Carmucha VST representa un paso adiante na preservación e difusión da música tradicional galega, combinando tradición e tecnoloxía, e estará dispoñible balde para todos os músicos e produtores a partir do venres 5 de setembro”, lembran os seus creadores, nas web Lijasvirtualsampler.com e máis en Mobsoundstudios.es.

Presentación en vídeo de Carmucha VST