Carnota acollerá unha ducia de nómades dixitais que reivindicarán o potencial emprendedor e innovador do concello

martes, 26 de setembro do 2023 S. P.

O vicepresidente da Deputación da Coruña e responsábel da área de Turismo, Xosé Regueira, e o alcalde de Carnorta, Juan Manuel Saborido, asinaron este 26 de setembro, na sede da institución provincial, o convenio para o financiamento do proxecto piloto Galicia Remota. Este programa ten o obxectivo de frear o despoboamento atraendo emprendemento, apostando polo teletraballo e as novas tecnoloxías e reivindicando a Galicia non urbana como espazo idóneo para vivir e traballar. Nesta liña, o concello recibirá en outubro o visita dunha ducia de nómades dixitais.
Segundo sinalaron, con Galicia Remota búscase crear “un novo modelo de turismo, innovación e sustentabilidade para facer do rural un polo de atracción de persoas que podan desenvolver a súa labor profesional en teletraballo desde calquera lugar do mundo”.
Ademais, engadiron, Galicia Remota pretende facilitar que as persoas traballadoras online “vexan unha oportunidade na que vivir experiencias únicas de crecemento persoal e profesional e descubran novos lugares ao mesmo tempo que desenvolven o seu traballo en liña”.
O ente provincial contribúe ao financiamento da actividade cunha achega de 24.000 euros, o 80 % do orzamento total, que ascende a 30.000 euros.
Regueira destacou que “a presenza de nómades dixitais pode contribuír á promoción indirecta do destino turístico a través do que estas persoas publiquen nas súas redes sociais, o que pode aumentar a visibilidade do lugar e atraer outros tipos de turistas que tamén queiran coñecer a localidade”. O vicepresidente tamén sinalou que “o gasto turístico diario dos nómades dixitais, en aloxamento, alimentación, compras e actividades e superior a respecto do gasto medio que fai un turista tradicional, polo que o comercio e hostalaría da localidade verán incrementados os seus ingreso nunha época das que se consideran temporadas baixas”. Un nómade dixital, engadiu, “é unha persoa que utiliza internet para desenvolver a súa ocupación profesional ou para vender os seus coñecementos a outras persoas ou empresas o que lle permite traballar de forma remota e polo tanto levar unha vida viaxeira, xa non se trata só dunha forma de traballo senón dun estilo de vida que permite que teñas a túa oficina en calquera punto do mundo con boa conexión á rede”.
12 nómades dixitais en outubro
O alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido, explicou que un grupo de 12 nómades dixitais internacionais residirán durante tres semanas, do 8 ao 30 de outubro, no municipio e apuntou que durante a súa estadía, as persoas participantes nesta primeira experiencia, realizarán distintas actividades como obradoiros con artesáns, roteiros de aprendizaxe, visitas culturais, coloquios específicos sobre emprendemento, etc.
O rexedor considerou que o programa é “unha excelente oportunidade para promocionar Carnota como destino e como lugar para vivir e traballar, así como para axudar a motivar aos emprendedores dixitais que busquen un lugar desde onde desenvolver a súa actividade profesional”.
Con este proxecto, engadiron, “Concello e Deputación mostran, unha vez máis, o seu compromiso coa loita contra o despoboamento do rural e co impulso do desenvolvemento económico e social da provincia”.

PUBLICIDADE