Carnota celebra o Día dos Museos coa apertura do museo interactivo Caseta de Pepe do Cuco

xoves, 16 de maio do 2024 S. P.

A Caseta de Pepe do Cuco (Carnota), o primeiro museo mariñeiro totalmente automatizado de España, sumase á celebración do Día Internacional dos Museos abrindo as súas portas 24 horas seguidas en Lira (Carnota) este sábado 18 de maio. Trátase dunha antiga caseta de pescador que foi reformada para ofrecer unha experiencia diferente e atractiva para as persoas que a visiten, que poderán acceder ás instalacións durante as 24 horas do sábado 18 de maio utilizando como chave os seus móbiles e un código QR.
O alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido, explicou que este museo “é un exemplo do uso da tecnoloxía para facilitar o acceso á cultura das persoas e mellorar a calidade de vida no medio rural. Hoxe contamos cun museo que, cuns custes mínimos de mantemento, pon o noso patrimonio histórico e cultural a disposición dos veciños de Carnota e de todas as persoas que desexen coñecelo. Trátase dunha instalación que se pode manter aberta ao público todos os días do ano, en calquera horario, cun servizo de calidade que estou seguro que atraerá a moitos visitantes e repercutirá no comercio e na hostalería local non só durante o verán, senón durante todo o ano”.
Segundo informou, o sistema de automatización da Caseta de Pepe do Cuco, leva en fase de probas dende o pasado mes de abril e afrontará un novo test este sábado, no que estará operativo 24 horas seguidas. Así, o público que se achegue pola aldea de Portocubelo (Lira) poderá acceder a través dun código QR exposto no exterior da caseta, que o dirixe a un formulario de acceso no que solicita a apertura automática da porta.
Unha vez dentro, a través da combinación de auténticas pezas orixinais con vídeos e xogos de luces, o propio museo irá amosando ao visitante como evolucionou a vida en Lira dende que Pepe do Cuco construíu esta caseta aló polos anos corenta do século pasado. Ademais, o museo ten a particularidade de que son os propios veciños e veciñas de Lira os que contan a súa historia. Uns exemplos de tradición oral que son fiados polo presentador e “anfitrión virtual” do museo: Miguel Domingo García Martínez, coñecido artisticamente como Miguel de Lira. Este actor de cine, teatro e televisión, especialmente popular polo seu papel do percebeiro furtivo Evaristo Currás na serie Mareas Vivas, guiará o percorrido do visitante polas distintas áreas da Caseta de Pepe do Cuco.
A visita ten unha duración aproximada de trinta minutos. Ao finalizar, a través do alumeado e o son, o propio sistema guía ao visitante para que abandone as instalacións e lle agradece a súa estancia. A seguridade das persoas está garantida por un sistema de alarma, un circuíto pechado de cámaras, sistemas de detección e aviso automatizado de incidencias e teléfonos de asistencia ao visitante.
Sinala María Lago, técnica e turismo do concello de Carnota que “este tipo de tecnoloxía é especialmente interesante para pequenos municipios rurais, xa que facilita a apertura ao público de moitos lugares de interese turístico e cultural que adoitan estar pechados ou que abren so para os turistas en datas determinadas pola escaseza de medios económicos e de persoal. É o caso da propia Caseta de Pepe do Cuco, onde a imposibilidade de mantelo aberto ao público propiciou o abandono da instalación realizada hai vinte anos”.
Saborido engade que “as administracións locais temos que facer fronte cada vez a máis competencias e servizos aos cidadáns que poñen ao límite as nosas capacidades orzamentarias. Fórmulas como a automatización do Museo do Cuco nos permiten dispoñer de recursos para destinar o persoal a cubrir outras necesidades dos veciños e seguir ao mesmo tempo prestando un servizo de calidade en materia cultural e turística”, sinala o alcalde de Carnota.
A automatización da Caseta do Cuco como centro de visitantes dos Camiños de Andar ao Mar é un proxecto promovido polo Concello de Carnota e financiado a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia Costa Sostíbel, en colaboración coa Consellería do Mar, o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e o propio Concello. Un proxecto executado por ITC Ménsula Museografía.