Carolina Iglesias, Laura Márquez e Xavi Daura presentarán novos contidos no Carballo Interplay
martes, 19 de marzo do 2024
O festival de contidos dixitais Carballo Interplay, que terá lugar na vila bergantiñá entre o 4 e o 7 de abril, presentou a súa programación de shows. Podcast en directo, monólogos e seccións clásicas do festival como Código Fonte Audiovisual son algunhas das actividades coas que o evento trae a Galicia algunhas das voces do eido dixital máis coñecidas. A galega Carolina Iglesias volve a Carballo coa cómica Laura Márquez e recalan na nosa terra os directos dos podcast Maldito Bollodrama e Pena y Pánico. Xavi Daura tamén presentará por primeira vez na comunidade a súa proposta XD. Todos os espectáculos serán de entrada libre ata completar capacidade.
O cómico Xavi Daura, co-creador do dúo Venga Monjas presentará por primeira vez en Galicia un espectáculo de standup no que xoga coas súas iniciais no título XD. Daura traballou como guionista en proxectos como Da Suisa e Museo Coconut e actualmente forma parte do equipo do late night La Resistencia.
O sábado 6 ás 18:30 chega a Galicia por primeira vez o podcast Maldito Bollodrama. Presentado por Laura Terciado e Bake Gómez conta co Recoñecemento Arco Iris do Ministerio de Igualdade 2023 pola visibilización, apoio e defensa dos dereitos das persoas LGTB. Durante o programa, de ton humorístico, as presentadoras contan as súas experiencias e reflexionan sobre o que significa ser unha muller lesbiana hoxe en día. O programa conta coa produción de Radio Primavera Sound.
No mesmo día ás 21.30 horas chega a quenda de Pena y Pánico, o dúo formado pola ilustradora La Prados e a cómica Raquel Hervás encargarase nesta edición da sección Rajando con.
Pena y Pánico é un podcast no que as autoras contan os seus temores máis profundos á vez que intentan curalos con humor. A noite rematará no bar American cun Karaoke con Esteban, unha versión nova e máis tola deste xogo clásico onde Esteban non deixará a ninguén sen saír a cantar.
O domingo 7 de abril o Carballo Interplay pechará a súa undécima edición coa cómica galega Carolina Iglesias, que pasou por varias edicións do festival, gañando en 2020 coa serie Válidas creada coa cómica Victoria Martín, coa que tamén presenta o podcast Estirando el chicle. Iglesias volve a Carballo cun espectáculo feito en exclusiva para o festival e acompañada pola tamén humorista Laura Márquez. En Código Fonte Audiovisual, un espectáculo marca Interplay, comentarán as obras audiovisuais que marcaron a súa cultura e forma de entender o mundo, nesta ocasión marcadas pola nostalxia millennial. Será ás 11:30 no Mercado de Carballo.
Ás 12:30 chega a quenda da entrega de premios, a cargo das Izquierdo Sisters. Lucía Veiga e Marita Martínez forman este dúo cómico de improvisación que conta con máis de 10 anos de traxectoria. Para rematar a festa Salicrunette DJ dará o toque musical nunha sesión vermú no bar American. Marta Salicrú, dj e xornalista musical, fará un percorrido pola música pop, dende os sons máis clásicos ata o R&B contemporáneo.