Case 60 nenos e nenas participaron no Campamento Dixital que acolleu a Aula AmTIC do Milladoiro
venres, 12 de setembro do 2025
A Concellaría de Mocidade de Ames fixo balance da actividade xerada polo seu Campamento Dixital, celebrado durante o mes de agosto e a primeira semana de setembro: un campamento tecnolóxico para a rapazada que se desenvolveu na Aula AmTIC do Milladoiro. Participaron un total de 56 nenos e nenas neste programa no que puideron adquirir diferentes competencias e habilidades no ámbito dixital dunha forma lúdica e adaptada a eles.
O Campamento Dixital foi unha iniciativa gratuíta impulsada pola Fundación Cibervoluntarios, dentro do Programa de Competencias Dixitais para a Infancia, CODI, posto en marcha polo Ministerio de Xuventude e Infancia e financiado pola Unión Europea–Next Generation EU.
Participaron un total de 56 mozos e mozas de entre 9 e 14 anos. O programa impartiuse de luns a venres en horario de mañá e en cinco quendas, correspondentes a cada semana do mes de agosto e a primeira do mes de setembro. Así mesmo, ao finalizar o campamento, a rapazada recibiu un certificado que avala as competencias adquiridas.
Nas sesións do campamento, os participantes puideron adquirir diferentes ferramentas e competencias dentro do ámbito dixital a través de xogos, retos creativos e traballo en equipo. “Coa realización deste programa, a mocidade aprende a ter un contacto positivo e saudable da tecnoloxía, impulsando un uso práctico, creativo e lúdico para o seu desenvolvemento cognitivo”, informou o Concello, engadindo que a actividade respondeu á necesidade de que a nenez e a mocidade “conten coas ferramentas axeitadas para desenvolverse nun mundo cada vez máis dixitalizado”.
O obxectivo é formar no uso seguro e responsable da tecnoloxía, potenciar o talento dixital e fomentar o pensamento crítico entre os máis novos, con especial atención a aqueles nunha situación de maior vulnerabilidade dixital.
Ao rematar, todos os participantes reciben o certificado oficial DigComp, que acredita as súas competencias dixitais segundo o marco europeo, achegando un valor diferencial á súa formación académica e profesional.
