Case 700 alumnos da provincia ourensá participan nos campamentos da Fundación Cibervoluntarios

mércores, 3 de setembro do 2025 S. P.

ata 698 estudantes de toda a provincia de Ourense están a participar este verán no Programa Campamentos Dixitais que imparte a Fundación Cibervoluntarios. Trátase de actividades de lecer tecnolóxico, divulgativas, creativas e seguras (medio cento de actividades), desenvolvidas en colaboración cos concellos ao abeiro dun programa do Ministerio de Xuventude e Infancia. Segundo informou o Goberno xa foron expedidos 588 certificados (219 en concellos de menos de 5.000 habitantes).
Os municipios que se beneficiaron ata agora desta iniciativa foron Xinzo de Limia, San Cristovo de Cea, Celanova, O Carballiño, Vilariño de Conso, A Pobra de Trives, Xunqueira de Ambía, Maceda, Oímbra, Coles, Viana do Bolo, Castrelo de Miño, Vilamarín, Cartelle, A Rúa ou Bande. A estes campamentos súmanse o que comezou esta semana no concello de Barbadás, en cuxa inauguración participou o subdelegado do Goberno, Eladio Santos, acompañado polo alcalde do municipio, Xosé Carlos Valcárcel. O subdelegado salientou o compromiso do Goberno de España coa formación dixital “para protexer á xuventude dos perigos das redes” e tivo palabras de agradecemento para a Fundación Cibervoluntarios por realizar campamentos como o de Barbadás por toda a provincia de Ourense.
Navegación segura en Barbadás
O campamento de Barbadás, dirixido a rapaces e rapazas de 9 a 17 anos, está deseñado para achegar ferramentas que faciliten a navegación segura no entorno dixital. “Consideramos que é esencial formar á nosa mocidade nas habilidades e ferramentas dixitais para atopar contidos de valor, navegar de xeito seguro e mesmo atopar oportunidades laborais”, explicou Xosé Carlos Valcárcel, quen recordou que son idades “clave” para aprender a utilizar as novas tecnoloxías. Nesa liña, Eladio Santos reflexionou sobre os riscos de Internet: “É esencial dotar ás e aos máis novos de coñecementos para previr perigos nas redes sociais, identificar noticias falsas e frear calquera forma de discurso de odio na Rede”.