Case a metade das empresas e fogares de Sarreaus contan xa con fibra FTTH de Movistar

luns, 14 de setembro do 2020 S. P.

Un total de 758 vivendas e locais de Sarreaus contan xa con cobertura de FTTH (Fibra Óptica Até o Fogar) de Telefónica, o que supón que o acceso ás redes de alta velocidade da operadora abrangue xa o 47% do municipio. Concretamente, as unidades inmobiliarias en cobertura atópanse nos núcleos de Cortegada, Folgoso, Lodosela, Nocelo da Pena, Perrelos e Sarreaus.
A posta en cobertura destes fogares, que xa foi comunicada ao alcalde do municipio, Gumersindo Lamas, significa que as familias e e empresas dos ditos núcleos de Sarreaus poderán gozar das posibilidades da fibra óptica (que ofrece voz con alta calidade nas chamadas e máxima velocidade de conexión a Internet en varios dispositivos de xeito simultáneo sen reducir velocidade de conexión, entre outras vantaxes) e, no caso de dispor de Movistar+, contar con acceso a canles de alta definición, amais de máximas velocidades para xogar en liña.
O despregamento nos novos fogares agora en cobertura está impulsado polo Ministerio de Economía a través do Plan Nacional de Extensión de Banda Ancha de Nova Xeración -PEBANG. Telefónica continúa así coa súa política de colaboración público-privada para, nas súas palabras, “situar a Galicia á vangarda en infraestruturas de telecomunicacións de última xeración”. A finais de 2019, o 40% da poboación da provincia de Ourense contaba con cobertura de fibra óptica (FTTH) de Movistar, o que supuxo un total de 107.298 vivendas e negocios e un 23,78% máis que no exercicio anterior.
A previsión é que na provincia de Ourense entren este ano en cobertura outras 47.574, tamén en núcleos dispersos e complexos dende o punto de vista orográfico, aumentando en máis dun 44,34% a poboación da provincia que poderá gozar da fibra óptica de Telefónica.

PUBLICIDADE