Case a metade dos xornalistas recoñece que as redes melloraron o seu día a día

xoves, 8 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

O Estudo sobre Xornalismo Dixital 2010 que presenta estes días Canela certifica o que xa se supoñía dende dentro e dende fóra da profesión: que para unha boa parte dos comunicadores o afianzamento das redes da información no seu día a día constitúe unha mellora no traballo. En parte porque permiten meirande mobilidade (non cinguen aos profesionais á redacción física, coa rapidez que iso imprime) e en parte porque facilitan a obtención de información, sexa pola vía honrada (produción propia ou procura de datos alleos recoñecendo a súa orixe) sexa a través da técnica cada vez máis espallada do curta e pega, e sen máis. Máis polo miúdo, o estudo sinala que case a metade das/os enquisadas/os recoñeceron melloras no seu traballo grazas a Internet e ás redes sociais.
O estudo, feito por Oriella PR Network e dispoñible xa en pdf para quen queira velo, fíxose sobre o alicerce de 774 xornalistas, escolmados entre varios soportes (xornais, revistas, radio, TV, blogs) de 15 países, incluíndo España.
A nivel internacional, case a metade das persoas que participaron comentaron que se agarda delas máis contidos que antes, e unha de cada tres sinalou que está a traballar máis. Porén, unha boa parte recoñece que o seu quefacer mellorou dende a chegada dos medios dixitais. Respecto ao eido español, a investigación salienta que o 73% dos enquisados afirma que o medio no que traballa facilita a xeración de contido por parte dos internautas aceptando comentarios sobre historias en liña. O 23% recoñece que ás veces cita comentarios de blogueiros nos seus artigos. Por outra banda, case a metade apunta que segue a ter unha maior audiencia nas súas canles tradicionais (formato impreso e audiovisual), pero esta porcentaxe vai sendo menor con cada ano que pasa.

PUBLICIDADE