Case medio cento de rapaces participaron nun obradoiro de videoxogos e electrónica na Aula AMTIC de Ames
venres, 22 de decembro do 2023
O
pasado
18 de decembro rematou en Ames o obradoiro de programación de
videoxogos e electrónica, organizado pola Aula Municipal Tecnolóxica
da Información e da Comunicación do Milladoiro (AMTIC), no que
participaron 48 rapazas e rapaces. Segundo informou o Concello de
Ames, “a actividade tivo unha grande acollida, pois nos primeiros
días de inscrición cubríronse todas as prazas ofertadas”.
A actividade desenvolveuse durante a última semana de novembro e mailo mes
de decembro e consistiu nun obradoiro de programación de videoxogos
e electrónica con Arduino. A actividade impartiuse en dúas quendas:
a primeira, impartida o 27 de novembro e o 4 de decembro, estivo
dirixida a nenos e nenas de 8 a 10 anos; a segunda, dirixida a
rapaces e rapazas de 11 a 14 anos, impartiuse o 11 e o 18 de
decembro.
Na
primeira parte do obradoiro, os participantes crearon o seu propio
videoxogo con Bloxels, unha plataforma de deseño de videoxogos que
permite crear todo tipo de niveis, personaxes e aventuras, apto para
todas as idades. Despois puideron experimentar cos seus propios
videoxogos.
Na
segunda parte, adicada á electrónica, programaron con Arduino, unha
plataforma de creación de electrónica de código aberto baseada en
hardware e software libre, flexíbel e doado de usar. No caso dos
máis pequenos, programaron o movemento duns robots, mentres os máis
maiores programaron placas con luces de LED, así como as luces
dunhas árbores de Nadal.