Casio estrea o seu primeiro reloxo con Android Wear

luns, 21 de marzo do 2016 Marcus Fernández

O vindeiro venres Casio porá á venda nos EE.UU. a un prezo recomendado de 500 dólares o seu novo reloxo Smart Outdoor Watch WSD-F10, ou sexa, un smartwatch deportivo que funciona con Android Wear, pero que é resistente á auga (até 50 metros) e cumpre cos estándares militares de resistencia (de xeito que está reforzado para aguantar un uso en condicións bastante agresivas).
O WSD-F10 ten unha correa de uretano suave, vén equipado con numerosas aplicacións de grande utilidade para os afeccionados ás actividades ao aire libre, permite consultar información como a dirección, a altitude, a presión atmosférica, as horas de saída e posta do sol, gráficos de mareas e gráficos de actividades, entre outras cousas, e incluso pode empregarse para recibir alertas de correo electrónico, consultar a predición meteorolóxica, ver mapas ou realizar buscas por voz. Porase á venda en varias cores (vermello, verde, negro e laranxa) a través de distintos distribuidores entre os que incluso está Google, polo que é de agardar que en breve chegue tamén a mercados como o español.

O Casio WSD-F10 contará con numerosas aplicacións para amantes das actividades ao aire libre

PUBLICIDADE