Castelao protagoniza a nova entrada da biografía dixital do Álbum de Galicia

mércores, 12 de febreiro do 2025 S. P.

A colección de biografías dixitais do Consello da Cultura Galega (CCG), Álbum de Galicia, vén de achegar unha nova entrada: Xenio e figura da nación galega, facendo alusión a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886 - Bos Aires, 1950).
Nesta entrada faise un percorrido sobre a biografía do senlleiro intelectual, artista plástico, escritor e dirixente político, ao que Henrique Monteagudo considera “un referente indiscutido do galeguismo e do nacionalismo, un clásico das letras galegas e unha das figuras máis representativas da Galicia contemporánea”.
A entrada elaborada por Henrique Monteagudo para o Álbum de Galicia con motivo do Ano Castelao fai un percorrido pola traxectoria vital do galeguista no que distingue tres etapas claramente marcadas.
Na primeira etapa, que vai desde o seu nacemento até 1916, define a súa vocación: estuda Medicina pero refuga exercer como doutor para se adicar ao cultivo das artes plásticas. Explica Monteagudo que no comezo da universidade “destaca no rebuldeiro ambiente estudantil non tanto pola súa brillantez académica como polas súas caricaturas e a súa colaboración coa tuna”.
A segunda etapa, que Monteagudo chama O noso xenial artista, vai de 1917 até 1930. Correspóndese co período no que Castelao está afincado en Pontevedra onde se compromete co galeguismo e co nacionalismo galego na súa condición de intelectual e artista. Integrado na vida social e cultural pontevedresa, “participou na fundación do Museo Provincial de Pontevedra (1927), co que se sentiu intimamente vencellado (até o punto de legarlle a súa obra artística), e da Coral Polifónica (1928), coa que colaborou activamente, e da sociedade local de estudos Labor Gallega”.
Xa adherido ás Irmandades da Fala, Castelao afinca o seu compromiso co nacionalismo galego, ao mesmo tempo que desenvolve a súa carreira como debuxante e escritor. Segundo Monteagudo esta etapa sérvelle para concentrarse na produción artística, “non só por vocación persoal, senón tamén pola forza das circunstancias, pois a ditadura primorriverista (1923-1930) coutou a actividade política do galeguismo”. É o momento no que exerce como caricaturista, humorista gráfico e ilustrador de libros e revistas con incursións na escenografía e o cartelismo, sen abandonar a súa faceta como pintor. Neste período expón en varias ocasións, produce o Álbum Nós e as series de Cousas da vida, na que se achega á súa faceta como orador e ensaísta.
Na terceira e última etapa, que transcorre entre 1931 e 1950, Castelao sen abandonar o seu labor creativo, entrégase ao compromiso político, que o leva ás Cortes Constituíntes da II República (1931-1933); á dirección do Partido Galeguista (1932-1936); a formar parte das listaxes da Frente Popular, nas que foi novamente elixido deputado (1936); á defensa da República e do Estatuto durante a Guerra Civil, e, xa no exilio, á Presidencia do Consello de Galiza fundado por el mesmo en Bos Aires (1944) e a ocupar unha carteira ministerial no Goberno republicano en París (1946-1947).
Indo á nova entrada, dicir que está complementada con outras biografías elaboradas por diferentes autores que formaron parte de iniciativas anteriores de proxectos do CCG que se achegaron á figura poliédrica do intelectual con outros enfoques: o Álbum Nós, o Álbum da Ciencia, Álbum da Junta de Ampliación de Estudos e o Álbum da Emigración. Amais do texto biográfico, a entrada inclúe fotografías, ligazóns e outros materiais a salientar como o único rexistro sonoro coa voz de Castelao que se conserva.
Para achegarnos un pouco ao Álbum de Galicia, sinalar que é en xaneiro de 2020 cando o Consello da Cultura Galega presenta esta colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos eidos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa.
A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. Para rematar dicir que arestora o Álbum de Galicia conta con máis de 760 entradas.