Catro anos de dominio galego na Internet

luns, 14 de maio do 2018 Marcus Fernández

En maio de 2014, co gallo do Día das Letras Galegas, estreouse a primeira páxina web creada baixo o dominio .gal para servir de escaparate ao novo dominio da Internet, servido así de antesala ao Programa de Pioneiros que se estrearía o Día de Galicia, para rematar finalmente o ano abrindo o dominio ao público xeral, cunha boa acollida por parte da cidadanía e de numerosas entidades representativas da nosa sociedade.
Para coñecer un pouco mellor o estado desta iniciativa promovida pola Asociación PuntoGal, quixemos falar co seu director xeral, Darío Janeiro.

– Conseguir un dominio galego para a lingua e a cultura galegas era o grande obxectivo da vosa iniciativa, pero unha vez superada tal meta, conseguir que o .gal teñan uso tamén supón un traballo constante. Que resulta máis complicado, animar á contratación dos nomes de dominio ou fomentar o seu uso activo?
– ­ PuntoGal naceu nunha asemblea celebrada o 10 de xuño de 2006 no Auditorio de Galicia en Santiago, cando doce organizacións decidiron poñer en marcha este proxecto colectivo. Uns días antes un grupo de persoas constituíran unha xestora para darlle luz á idea. Visto con perspectiva, no camiño deixamos moitas horas de traballo de persoas involucradas nunha idea común: darlle a Galiza visibilidade na rede. No dominio sentímonos especialmente responsables -e orgullosos- de conseguir poñer en marcha este proxecto colectivo. E sempre agradeceremos o esforzo que se fixo naquel momento, grazas ó cal podemos estar falando agora de PuntoGal. Iso non me cansarei de repetilo.
No plan de traballo do equipo de PuntoGal está, en efecto, conseguir aumentar o número de dominios rexistrados. Isto facémolo a través de campañas específicas, de convenios con colectivos e tamén con campañas de interese xeral, nas que sempre tratamos de vincular esa captación con algún feito concreto relacionado coa lingua, a tecnoloxía ou a cultura. Esas son as tres almas do dominio. Sen embargo, ás veces o complicado é fomentar o uso do propio dominio, unha vez mercado, para que non se convirta só nunha reserva defensiva do nome. É aí onde tratamos de facer o esforzo, dentro das nosas posibilidades. Non hai mellor publicidade para o .gal que o uso que fan entidades ou empresas del. É unha tarefa lenta, caso por caso, pero que paga a pena.

– ­Aínda que nos primeiros meses de funcionamento do dominio .gal predominaban os dominios de administracións públicas e entidades sen ánimo de lucro, como está a ser a evolución dos rexistros? Está xa a ter unha boa aceptación por parte de empresas e particulares?
– ­O lanzamento do dominio tivo unha fase, que denominamos de pioneiros, na que participaron administracións, empresas e organizacións sen ánimo de lucro. Eran organizacións representativas que, coa súa presenza, exemplificaron a importancia do dominio e, ó tempo, animaron a outros a unirse a PuntoGal. Efectivamente, o número de dominios rexistrados polas administracións é relevante, é un feito, tanto da Xunta de Galicia e o seus organismos, como de administracions provinciais e locais. Se ben aínda queda campo abondo no que aumentar a nosa presenza do dominio nese ámbito, cada vez vemos tamén como as empresas e os particulares van convertíndose en usuarios de PuntoGal.

– ­Nun momento no que os dominios de primeiro nivel poden contarse por centos, como fai a Asociación PuntoGal para conseguir que o dominio galego teña visibilidade? Está a conseguirse que o uso dos dominios .gal se normalice en Galicia?
– ­En PuntoGal somos realistas. Sabemos que somos un dominio pequeno con recursos limitados. Non podemos –nin debemos- compararnos co .com, xestionado por unha multinacional dende hai moitos anos, con millóns de dominios activos en todo o mundo. Sabemos tamén cal é o noso campo de xogo, a poboación á que podemos chegar, as empresas ou as institucións. Iso sitúanos nun contexto moi concreto, que é onde debemos traballar. Para nós é unha carreira de fondo: somos un dominio novo que realmente aínda está empezando. Xa estamos comezando a ver algunhas cousas que determinan a normalización dun dominio: publicidade nos medios de comunicación, rótulos en vehículos comerciais, ou institucións e empresas que lanzan novos proxectos apoiados nun .gal. Pouco a pouco a mensaxe vai chegando. Estamos convencidos de que seguiremos sumando, día a día, mes a mes, ano a ano. Niso nos esforzamos cada día, se ben precisamos tamén do apoio da comunidade, que debe interiorizar que o dominio é de todos, que é un activo do país. Sen iso, PuntoGal non terá futuro.

– ­A competencia doutros dominios de Internet é moi grande, e un dos elementos que para o público resulta crucial en moitas ocasións é o prezo. Como podemos facer entender que os dominios .gal non poden ter prezos tan reducidos como os .com ou os .es?
– ­Somos perfectamente conscientes de que o prezo é un elemento decisor na compra nun dominio, sen ben non é o único. No caso de PuntoGal existen outras motivacións como a de pertenza á comunidade. O prezo que ten o dominio, se ben xa baixou dende que empezamos a vendelos, está determinado polos custes directos que temos que afrontar. A asociación, que non recibe a día de hoxe ningún tipo de axuda pública, ten que dar soporte técnico ó dominio. Igualmente, ten que abonar determinadas cantidades á ICANN, o organismo que xestiona a rede e que ten competencias sobre os dominios. Finalmente, temos que cubrir gastos administrativos, xurídicos, de seguridade, etc. A ecuación é clara: cantos máis dominios teñamos, máis baratos serán.
Por outra parte, PuntoGal procura ter activas moitas campañas ó longo do ano para que sexa máis sinxelo conseguir un dominio a prezos reducidos. No que levamos de ano, sen ir máis lonxe, tivemos unha en febreiro para rexistrar dous anos por quince euros; a continuación Dinahosting fixo outra na que ofrecía rexistros a menos dun euro; logo lanzamos a campaña en colaboracións cos libreiros, aínda activa, con dominios a quince euros; e, finalmente, no mes de maio, a campaña do Día das Letras por 17 euros. Tamén facemos campañas específicas para colectivos que acuden á asociación e, finalmente, asinamos convenios de colaboración con distintas entidades para facilitarlles dominios en mellores condicións.

– ­Xornadas como as do Día do Libro ou a do Día das Letras Galegas empréganse para o lanzamento de distintas promocións para fomentar o rexistro de novos dominios. Están a funcionar ben estas campañas? Considera que é por unha cuestión de prezo ou que o feito de que as promocións incrementen a visibilidade do .gal sería un factor máis a ter en conta?
– ­En realidade é unha combinación de ambas. Sempre tratamos de vincular as campañas cun elemento relacionado coa cultura e a lingua. Non se trata só de vender dominios, trátase de involucrarse, na medida das nosas capacidades, neste tipo de datas. A efectos de ventas, pode que nos resulten mellor as campañas de prezo agresivo e curta duración, como a que fixemos co Black Friday a finais do ano pasado. Pero para nós non todo radica na venta de dominios: gústanos apoiar ó libro galego, gústanos difundir a obra da persoa homenaxeada nas Letras Galegas, gústanos apoiar o aniversario do Museo do Pobo Galego, gústanos estar na Noite das Telecomunicacións, gústanos falar de Rosalía e gústanos, tamén, reivindicar o día da lingua materna. Seguramente cando teñamos maiores recursos poderemos facer campañas máis visibles e específicas, de prezo ou de marca, para fomentar o rexistro de dominios.

– ­Aparte das meras promocións, este ano puidemos ver como a Asociación PuntoGal organizou un concurso de micro-relatos. Veremos máis iniciativas semellantes nos vindeiros meses?
– O concurso de micro-relatos tivo unha moi boa acollida; nós mesmos quedamos sorprendidos ó recibir arredor de catrocentos relatos para o certame durante o mes de febreiro. Os gañadores, ademais de recibir os premios, foron publicados pola revista Luzes. O éxito desta iniciativa está facendo que tal vez nos plantexemos repetir o vindeiro ano. Este tipo de actividades son as que nos gustan no dominio, xa que implican a entidades relacionadas coa cultura e teñen percorrido entre a cidadanía. Nesa mesma liña lanzamos no mes de abril uns marcapáxinas deseñados polos alumnos do IES Leixa de Ferrol. Puxemos en circulación 12.000 deles, con cinco deseños dos estudiantes, que se enviaron a máis de cento cincuenta librarías por todo o país e que van estar tamén presentes nas feiras do libro ata o mes de agosto. O acto que celebramos no centro, cos alumnos volcados co proxecto, é dos que dan sentido a este proxecto. Polo demais, estamos pensando xa en outras iniciativas con vistas, por exemplo, ó Culturgal.

– ­Coa vista posta no futuro, que obxectivos ten marcados a Asociación PuntoGal para os vindeiros meses? Superar os 5.000 rexistros? Conseguir a activación dalgún servizo o páxina web de especial relevancia que mellore a visibilidade dos dominios .gal?
– ­O noso obxectivo é acabar 2018 por enriba dos 5.000 dominios. Para nós é, ademais dunha cifra simbólica, un número de rexistros que nos permitiría reforzar as nosas políticas de marketing e comunicación en 2019, ademais de novos proxectos de colaboración. A ver se o conseguimos. Na segunda metade do ano, igualmente, queremos participar dalgunha iniciativa tecnolóxica, como xa fixemos no seu momento en colaboración con Dinahosting, para lanzar o noso acurtador de enderezos (i.gal) e o sistema para enviar arquivos pesados (velaqui.gal). E, obviamente, traballar para que cada vez máis webs utilicen o .gal. Igualmente, imos participar de forma máis activa no grupo dos dominios lingüísticos e xeográficos no que nos integramos recentemente e na reunión mundial da ICANN do mes de outubro en Barcelona, dando a coñecer o noso dominio e a nosa cultura alí.

PUBLICIDADE