Catro centros galegos participan no programa Escuelas Visuales

martes, 28 de outubro do 2025 Redacción

Cativos dun colexio asturiano que participou na iniciativa

O programa Escuelas Visuales formará este curso máis de 2.700 docentes de toda España para avanzar cara a unha educación máis inclusiva, con presenza destacada de catro centros galegos entre os seleccionados. Trátase do CPR Plurilingüe Nuestra Señora del Rosario, de Arzúa (A Coruña); o CEIP Plurilingüe de Covas, en Viveiro (Lugo); o CEIP Plurilingüe Nosa Señora de Xuvencos, de Boborás (Ourense); e a EEI O Grupo, de Marín (Pontevedra). Estes colexios únense aos 90 centros de Educación Infantil e Primaria que participarán nesta nova edición do programa impulsado pola Fundación Orange e outras entidades comprometidas coa innovación e a inclusión educativa.
A iniciativa permitirá formar 2.766 mestres e beneficiar directamente 28.403 nenos e nenas en todo o Estado. Escuelas Visuales ofrece aos centros formación, acompañamento personalizado e acceso a unha plataforma con recursos visuais, coa finalidade de mellorar a comprensión, a autonomía e a participación do alumnado mediante estratexias visuais adaptadas á diversidade das aulas.
Segundo explica Miriam Reyes, fundadora de Escuelas Visuales, «cada vez máis colexios se suman a transformar a súa forma de ensinar para que todos os nenos e nenas poidan aprender desde as súas fortalezas. O noso obxectivo é que todo o profesorado dispoña de ferramentas visuais prácticas que funcionen no día a día da aula».
A convocatoria 2025-2026 recibiu centos de solicitudes de centros de todas as comunidades autónomas, entre os que figuran colexios públicos, concertados, privados, rurais e de educación especial, o que demostra a capacidade de adaptación do modelo a distintos contextos.
Daniel Morales, director de Sustentabilidade e Fundacións de MasOrange, salientou que «para nós é unha satisfacción ver como cada ano máis colexios fan seu este compromiso coa inclusión. Queremos seguir achegando esta transformación a máis centros e escolares desde o convencemento de que o visual ten o poder de transformar calquera aula nun espazo máis inclusivo e accesible para todos».
Ademais, o programa ofrece acceso de balde ao curso en liña Escuelas Visuales, lo visual como herramienta de inclusión educativa, que permite a calquera docente coñecer os beneficios da aprendizaxe visual e as ferramentas desta iniciativa.