Catro empresas galegas estarán presentes no MWC Barcelona

xoves, 14 de novembro do 2024 S. P.

O Mobile World Congress (MWC), promovido por GSMA (Global Systems for Mobile Association) que se celebra na Fira de Barcelona de Hospitalet do Llobregat, xa ten data de celebración, será do 3 ao 6 de marzo de 2025.
Red.es, entidade pública adscrita ao Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial (IA), vén de publicar a listaxe das 50 pequenas e medianas empresas (pemes) tecnolóxicas que integrarán no Pavillón de España na vindeira edición de MWC Barcelona, entre elas atopamos a catro empresas galegas: Igalia, Galvintec, Cinfo e Situm. Á parte destas empresas de Galicia, o MWC Barcelona tamén acollerá a pemes de Andalucía, Aragón, Cantabria, Cataluña, Illas Baleares e Euskadi.
Red.es renova un ano máis o compromiso institucional co impulso das pemes tecnolóxicas españolas, organizando por duodécimo ano o Pavillón de España no congreso máis relevante da industria da conectividade e o sector dixital. As 50 pemes poderán gozar dun servizo chave en man concibido para incrementar as súas oportunidades de negocio e aumentar a súa visibilidade. Así, disporán de entradas ao Congreso; un stand personalizado para expor os seus produtos e servizos; acceso a unha área de networking e salas de xuntanzas e presenza en contidos promocionais. Asemade, poderán beneficiarse das actividades organizadas por Red.es no marco de MWC Barcelona, tanto no Pavillón, participando no programa de conferencias e de visitas de delegacións empresariais (internacionais, sectoriais e institucionais). O número de empresas expositoras incrementouse en máis dun 11% respecto á pasada edición, onde o Pavillón recibiu a 10.000 visitantes presenciais e 7.000 en liña. Alén disto, acolleu máis de 60 actividades entre conferencias, con máis dun centenar de relatores, e sesións de networking, con delegacións internacionais e sectoriais.