Catro investigadores do CITIC premiados a nivel nacional e internacional
xoves, 28 de xuño do 2018
Nas últimas semanas, un relevante número de investigadores do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade de A Coruña recibiron diversos galardóns a nivel nacional e internacional grazas ao seus traballos, todos eles co nexo común de ser innovadores e revolucionarios en cadansúa área tecnolóxica. Trátase, máis en detalle, de Adrián Gómez-Brandón (premio Capocelli Prize), Ramón Doallo (Premio Nacional de Informática), David Vilares (Premio de Investigación na modalidade de Mozos Investigadores) e Joaquim de Moura (Premio Proxecto Fin de Carreira e Máster en Enxeñaría Informática).
Adrián Gómez-Brandón
En
primeiro lugar, o investigador da área de ciencia de datos e
información do CITIC, Adrián Gómez-Brandón, obtivo o Capocelli
Prize, outorgado pola Data Compression Conference 2018 celebrada en
Utah (EE.UU.), unha das conferencias máis importantes na área de
compresión de datos a nivel internacional. O traballo premiado,
Two-Dimensional Block Trees, está enmarcado dentro do
proxecto europeo BIRDS, liderado por investigadores da área de
ciencia de datos e información do CITIC. Ademais, a investigadora do
CITIC Nieves R. Brisaboa é coautora do traballo.
O centro de
investigación coruñés salienta que é a primeira vez que un
estudante dunha universidade galega recibe a devandita distinción,
sendo a segunda para unha universidade española. O Capocelli Prize é
un recoñecemento concedido polo Comité de Programa da Data
Compression Conference, que se vén realizando anualmente desde 1994.
Ramón Doallo
Seguindo
na área de ciencia de datos e información, Ramón Doallo recibiu o
Premio Nacional de Informática convocado pola Sociedade Científica
Informática de España (SCIE) e a Fundación BBVA, un dos
recoñecementos máis prestixiosos a nivel nacional no ámbito da
enxeñería informática.
Doallo,
que ademais de investigador do CITIC é catedrático da Facultade de
Informática da Universidade de A Coruña no Departamento de
Enxeñería de Computadores, obtivo o premio na categoría Aritmel,
segundo o xurado, “polas súas sobresaíntes achegas á
arquitectura e tecnoloxía de computadores ao longo da súa
traxectoria investigadora, así como pola súa intensa actividade de
transferencia de resultados ao sector empresarial e o seu recoñecido
liderado científico”.
David Vilares
Concedido tamén pola SCIE e a Fundación BBVA, David Vilares obtivo o Premio de Investigación na modalidade de Mozos Investigadores. O investigador posdoutoral no laboratorio FASTPARSE do Grupo LYS, pertencente ao CITIC, destacou “polas súas contribucións á investigación en técnicas e algoritmos para o procesamento da linguaxe natural, con especial énfase na aplicación da análise de sentimentos en redes sociais”.
Joaquim de Moura
Pola súa parte, o investigador da área de percepción, cognición e interacción do CITIC, Joaquim de Moura, gañou o Premio Proxecto Fin de Carreira e Máster en Enxeñaría Informática, convocado polo Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), polo seu TFM do Máster Universitario en Enxeñería Informática da Universidade de A Coruña, titulado Reconstrución 3D da árbore arterio-venosa da retina a partir de imaxes OCT.