Catro mulleres debaterán sobre a industria dos videoxogos no marco da Hobbycon

martes, 27 de xuño do 2017 Marcus Fernández

O encontro de lecer interactivo Hobbycon, que terá lugar en PALEXCO entre os días 13 e 16 de xullo non vai limitarse a actividades lúdicas, senón que tamén vai acoller no seu programa iniciativas como a mesa redonda Women In Games, coa que pretenden facer un chamamento a afeccionados aos videoxogos e a persoas que teñan a intención de entrar a traballar en tal sector.
Esta mesa redonda está organizada pola asociación Internacional Women In Games, co patrocinio de Google, e xuntará a catro profesionais que explicarán a traxectoria académica que as levou ao mundo dos videoxogos, as súas experiencias profesionais e persoais na industria e incluso dedicarán unha boa parte do encontro a atender a cuestións do público.
As integrantes da mesa serán a animadora 2D Pilar Celda; a artista de contornos María Fernández; a artista de personaxes e directora de arte Eugenia Sánchez; e a debuxante e guionista Emma Ríos (debuxante do primeiro cómic publicado en Android e participante no proxecto #ElVideojuegoEsArte). A cita terá lugar o venres 14 de xullo de 19:00 a 21:00 horas.

PUBLICIDADE