A Xunta e FEGAUS colaboran para formar aos maiores no uso da banca dixital

xoves, 18 de xullo do 2024 Redacción

A AMTEGA e a Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS), renovan a súa colaboración para o desenvolvemento de actividades de capacitación dixital dirixidas a persoas maiores sobre algúns dos usos máis habituais e prácticos da banca en liña. Esta actividade, que inclúe formación sobre o uso dos caixeiros automáticos ou a realización de pagamentos co móbil, enmárcase no proxecto de Aliados Dixitais do Plan DigiTalent 2030.
A iniciativa arrincou hoxe cunha sesión informativa en liña, dirixida aos dinamizadores das aulas da Rede CeMIT. A actividade formativa dirixida a persoas maiores comezará o 12 de setembro.
O obxectivo é o de reducir a fenda dixital e promover a autonomía persoal e de envellecemento activo entre as persoas maiores, así como asegurar que todas as persoas, independentemente do seu lugar de residencia, teñan acceso ás ferramentas e coñecementos necesarios para participar plenamente na sociedade dixital.
Dentro desta programación está prevista a realización de 5 actividades formativas en liña de 60 minutos de duración, así como sesións presenciais a través de rutas por zonas rurais das catro provincias galegas.
Ditas actividades serán emitidas en directo a través de Internet, co obxectivo de achegarse de forma específica e a través da tecnoloxía aos maiores das contornas rurais. Na iniciativa participan as entidades sociais e colaboradoras de FEGAUS, así como os Centros de capacitación dixital da cidadanía da rede CeMIT, as asociacións que integran a federación e outras asociacións de maiores de Galicia.
Os seminarios complementaranse con actividades adicionais e a accesibles, como a creación dun podcast, arquivo de audio sobre os temas principais tratados nas sesións de inspiración, pequenos vídeos e experiencias de xogos para fomentar o desenvolvemento cognitivo das persoas participantes. Os contidos formativos preséntanse de xeito ameno e sinxelo e están orientados a que os asistentes poidan sacar o máximo partido.

Calendario das sesións

ACTIVIDADE LOCALIDADE DATA HORARIO
Compras online no teu día a día: supermercados e hostalería a un click CEMIT Arzúa xoves, 12 de setembro de 2024 10:30 a 11:30
Interactúa co teu banco mediante a Intelixencia Artificial CEMIT A Estrada martes, 24 de setembro de 2024 17:00 a 18:00
Coñece os teus dereitos como usuario na era da banca dixital CEMIT Leiro venres, 4 de outubro de 2024 10:30 a 11:30
Renting de coches e outros servizos que tamén che ofrece a túa banca online CEMIT A Estrada xoves, 10 de outubro de 2024 10:30 a 11:30
Como contratar seguros e pedir préstamos a través do teu teléfono CEMIT Vigo luns, 14 de outubro de 2024 12:00 a 13:00