Cedeira impulsa o turismo local na súa web

venres, 28 de xullo do 2017 Fernando Sarasketa

O turismo e as redes seguen a circular xuntos, coma un vehículo co seu motor. Entre os exemplos recentes desta axeitada combinación sitúase unha iniciativa concreta do Concello de Cedeira, que coa chegada do verán vén de impulsar o sector turístico coa posta en funcionamento dun portal específico (Cedeira Turismo)) na páxina web institucional, www.cedeira.gal. Segundo informou o Goberno local, a idea era lograr que os atractivos (turísticos, hostaleiros, gastronómicos, naturais, patrimoniais, etc) do concello viñeran cara ao internauta dun xeito directo e sen extravíos. En palabras do Concello, “a golpe de clic os interesados poden acceder a todos os contidos necesarios para ter unha visión ampla e completa dos recursos e posibilidades que o municipio ofrece cara aos visitantes”.
O portal Cedeira Turismo preséntase con imaxes representativas do concello coruñés e acubilla no seu seo unha serie de seccións para coñecermos, entre outras cousas, onde se atopa Cedeira, o horario da oficina de turismo ou que descargas podemos facer no noso móbil ou tableta relacionadas cos recursos locais (visitas guiadas). Tamén podemos deixar as nosas suxestións nunha caixa de correo para que poidan terse en conta polos responsábeis municipais.
Segundo explicou o Concello, o servizo Coñece Cedeira é “a mellor ferramenta para entrar en contacto coa oferta máis turística do municipio: para obter información sobre as características das praias, para saber como chegar aos mellores miradoiros ou para achegarnos á historia de San Andrés de Teixido”. O portal complétase cun rueiro e cun feixe de nomes de lugares nos que comer ou durmir.

PUBLICIDADE