Cedeira mellora a comunicación coa veciñanza a través do WhatsApp

martes, 18 de xullo do 2017 Redacción

A casa do concello de Cedeira nunha imaxe da Galipedia

O Concello de Cedeira quere estar máis preto da cidadanía e para favorecer este achegamento está a apostar polo emprazamento dixital onde (precisamente) máis se xunta a día de hoxe a cidadanía: no servizo de mensaxes instantáneas WhatsApp. Ao fío disto, o Concello puxo en marcha nesta ferramenta un novo sistema de información veciñal, Cedeira Informa. Trátase, en palabras do Goberno local, “dun servizo municipal áxil, rápido e sen custe para os usuarios, a través do cal recibirán nos seus móbiles e tabletas avisos, novas, incidencias ou a axenda de eventos de maneira directa e próxima”. A información enviarase entre as 10.00 e as 20.00 horas, de luns a domingo. Este servizo púxose en marcha o pasado venres.
O Concello tamén informou de que para darse de alta, os interesados deberan gardar na listaxe de contactos o número 604 024 266 co nome Cedeira Informa e mandar un WhatsApp a este contacto co texto “Alta información Concello de Cedeira”. Logo, enviaráselle ao usuario unha mensaxe confirmando a súa alta, e a partir dese momento comezará a recibir os contidos. Para coñecer todos os datos relativos a este novo sistema tamén se pode consultar a web municipal.
Con esta iniciativa, o Concello de Cedeira mantén “o seu compromiso coa mellora das canles de participación, comunicación e información da veciñanza, facilitando o seu coñecemento de novas de interese e actualidade municipal”. En palabras do Goberno local, “aproveitar as novas tecnoloxías para seguir avanzando no desenvolvemento da relación coa cidadanía, mellorar o coñecemento dos servizos públicos e, polo tanto, a súa xestión segue a ser unha aposta constante deste Concello”.

PUBLICIDADE