Cee e Redondela estrean cadansúa iniciativa de acceso Wi-Fi para a veciñanza

luns, 4 de abril do 2011 Fernando Sarasketa

A Alameda de Redondela, vista na web de Berenguela, o xornal en liña para viaxeiros

Dende o blog La Vida Wi-Fi continúan a facer interesantes seguimentos sobre o medre da tecnoloxía de acceso sen fíos a Internet, proceso de análise do que unha vez máis saímos relativamente ben parados. Sen ir máis lonxe, a semana pasada puidemos saber da incorporación á cada vez máis completa listaxe de localidades Wi-Fi de dous proxectos galegos para levar esta tecnoloxía ao noso rural. O seu obxectivo: favorecer a calidade de vida e as oportunidade de formación e desenvolvemento lonxe das cidades e pórlle freo ao despoboamento das aldeas e vilas miúdas. En primeiro lugar, falamos dun proxecto para levar Wi-Fi de balde ás aldeas de Cee. O devandito concello da Costa da Morte, informa o blog, xa ten operativa a nova rede de acceso á Rede a través de banda larga sen fíos, implantada con fondos estatais.
Dende o pasado domingo o sistema xa está operativo e aberto a tódolos veciños da parroquias da contorna que queiran acceder a el”, engádese. A intención do Concello é manter o servizo, polo de agora, en formato de balde e aberto. Con todo, unha vez que remate o período de proba é ben probable que o sistema pase a ser de pago, aínda que se fará un esforzo por garantir prezos accesibles. As persoas que queiran tirar partido destas infraestruturas deberán achegarse á oficina do técnico de emprego, onde se lles fará chegar unha clave para poder iniciar as sesións en liña.
A maiores disto e de xeito paralelo, o Concello de Redondela tamén vén de dar importantes pasos cara a unha universalización da Sociedade do Coñecemento no seu contorno e pola vía da tecnoloxía sen fíos. O Wi-Fi municipal de Redondela achégalles aos veciños, de xeito gratuíto, Internet sen fíos nas zonas verdes da vila e máis nos centros culturais das parroquias que integran o concello.
A posta en marcha deste servizo, que se insire no proxecto Marisma (unha iniciativa local para a recuperación do medio ambiente deste termo municipal pontevedrés), subministra conexión a través de radioligazóns WiMAX dispostos na Alameda, A Marisma, o paseo do río Pexegueiro e a praza da rúa Alfonso XII. A velocidade é de 256 kb de baixada.

PUBLICIDADE