Cee xa conta cun Punto de Actualización de Documentación na Casa da Cultura
luns, 11 de agosto do 2025
O Concello de Cee conta cun Punto de Actualización de Documentación (PAD) da Policía Nacional, recentemente instalado na Casa da Cultura. A subdelegada do Goberno, María Rivas, visitou a vila da Costa da Morte e destacou a importancia de achegar este tipo de servizos públicos aos concellos “porque facilitan os trámites á veciñanza non só de Cee senón de todos os concellos da área e evita desprazamentos innecesarios á cidade da Coruña para realizar xestións co DNI”.
María Rivas e a alcaldesa, Margarita Lamela, salientaron que este novo dispositivo permite renovar os certificados e as claves electrónicas do DNI. Ademais, facilita a activación da aplicación MiDNI, coa que calquera persoa pode levar no móbil unha versión dixital oficial do seu DNI, cun simple proceso de validación no propio punto de actualización.
Ademais, valoraron que os PAD son accesibles para persoas con discapacidade. O seu obxectivo é facilitar á cidadanía dos núcleos urbanos que non contan cunha Unidade de Documentación o acceso á Administración, mellorando a calidade dos servizos e reducindo as desigualdades territoriais. “É un paso máis cara unha Administración dixital, moderna e accesible”, indicou a subdelegada, quen engadiu que “servizos coma este melloran a calidade de vida e eliminan barreiras territoriais. Ese é o noso obxectivo, que calquera persoa, viva onde viva, teña acceso á mesma calidade nos servizos públicos”.
Co DNI no móbil pódense realizar, entre outras cousas: acreditar presencialmente a identidade (a condición de que haxa unha conexión de datos), exercer o dereito ao voto, establecer calquera tipo de relación xurídica, asinar escrituras ante notario, acreditar a identidade en trámites presenciais ante a Administración, levar a cabo trámites administrativos presenciais en universidades e centros docentes (tanto públicos como privados), acreditar a maioría de idade, abrir unha conta bancaria, formalizar seguros de calquera tipo, rexistrarse nun hotel, alugar un vehículo, mercar entradas ou billetes nominativos que requiran identificar ao titular interesado, transaccións comerciais presenciais nas que se requira un DNI en vigor ou acreditar a identidade do interesado, realizar un control de acceso a edificios, acceder a diferentes locais de espectáculo (cinemas, teatros, concertos etc.), recoller paquetería ou retirar medicamentos en farmacias, entre outros servizos.
A Policía Nacional é a encargada de implantar estes terminais nas diferentes localidades da provincia e en diferentes puntos estratéxicos galegos. “Os PAD, xunto aos Vehículos Integrais de Documentación (VIDOC) facilitan os trámites dixitais aos veciños e veciñas do rural, achegándolles as funcións da Administración”, engadiu a subdelegada. A provincia da Coruña conta con 8 PAD en funcionamento: Cee, Melide, Noia, As Pontes, Rianxo, Ordes e Sada, dotando a estes municipios dos equipos pertinentes, sumando 27 en toda a comunidade galega.
O proxecto financiado a través do Plan de Recuperación enmárcase dentro da estratexia de dixitalización da Administración Pública, no marco do acordo subscrito entre o Ministerio do Interior e a Fábrica Nacional de Moeda e Timbre. “Tanto os VIDOC como os PAD deixan claro o compromiso do Goberno cos servizos públicos básicos en Galicia, transformando e modernizando a relación entre a veciñanza e a Administración”, resaltou a subdelegada.
A subdelegada lembrou que a Policía Nacional destina á provincia tres dos seis Vehículos Integrais de Documentación (VIDOCS) asignados a Galicia. Estas unidades móbiles percorren 27 concellos coruñeses que carecen de comisaría, ademais do Centro Penal de Teixeiro, para prestar servizos de documentación exclusivos delas, como a renovación e expedición dos DNI e dos pasaportes en cuestión de minutos.
