Celanova, Ribadavia e Xinzo xa contan coa aplicación DICIREG

mércores, 16 de abril do 2025 S. P.

Foi onte, martes 15 de abril, cando o Executivo central daba conta no Boletín Oficial do Estado (BOE) da posta en marcha da aplicación DICIREG nas oficinas do Rexistro Civil dos partidos xudiciais de Celanova, Ribadavia e Xinzo de Limia.
Trátase dunha ferramenta que posibilita a xestión electrónica de nacementos, matrimonios e defuncións e facilita o servizo de españois en países estranxeiros, a través das Embaixadas e Consulados.
Pola súa banda, o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, quixo salientar este martes “o gran compromiso” do Executivo central coa dixitalización e a modernización dos servizos de atención á cidadanía. Deste xeito se manifestou durante a presentación da plataforma DICIREG na oficina do Rexistro Civil do Barco de Valdeorras, onde estivo acompañado polo alcalde do municipio, Alfredo García, e o letrado responsábel do Rexistro Civil do partido xudicial, Manuel López Cendón.
Asemade,Eladio Santos anunciou que o BOE publicaba este martes a entrada efectiva da aplicación informática DICIREG nas oficinas do Rexistro Civil dos partidos xudiciais de Celanova, Ribadavia e Xinzo de Limia, “o que quere dicir que a provincia de Ourense avanza”.
Máis polo miúdo, fica aprobado o comezo do funcionamento da ferramenta nas oficinas xerais e nas oficinas colaboradoras dos partidos xudiciais de Celanova (A Bola, A Merca, Cartelle, Gomesende, Quintela de Leirado e Ramirás), Ribadavia (A Arnoia, Avión, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón e Pontedeva) e Xinzo de Limia (Baltar, Os Blancos, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio e Vilar de Santos).
Voltando á ferramenta, dicir que fai máis doada a tramitación electrónica de expedientes, a inscrición de feitos relativos ao estado civil das persoas, a organización da información en formato dixital e o acceso por vía telemática á mesma. Deste xeito permite a xestión electrónica de eventos como nacementos, matrimonios e defuncións, posibilitando á cidadanía o acceso a certificados e trámites de maneira segura e en remoto. Outra das melloras deste sistema é que facilita o servizo de españois en países estranxeiros, xa que desde as Embaixadas e Consulados poderase acceder a datos de diferente orixe integrados nunha única plataforma.
O subdelegado do Goberno engadiu que DICIREG está adaptada ao novo modelo de Rexistro Civil, “un rexistro do século XXI que permite a interoperabilidade entre Administracións Públicas e a diminución de tempos para as persoas usuarias”.
Por último, informar que a introdución desta ferramenta atópase inserida no proceso de modernización da xustiza que está a levar a cabo o Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes.