Celebrado o primeiro coloquio da versión virtual do Día das Redes Galegas

venres, 30 de outubro do 2020 S. P.

Este venres desenvolveuse a primeira sesión da celebración máis virtual do Día das Redes Galegas, que este ano, por mor da COVID, converteuse nunha serie de encontros en liña arredor da frutífera confluencia entre as novas tecnoloxías e a nosa lingua. A conmemoración veu novamente da man da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación (Campus de Pontevedra), concretamente dos profesores Alberto Dafonte e Andrés Fraga coa colaboración da Área de Normalización Lingüística (ANL) da Universidade de Vigo e da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. O ciclo Redes Galegas celebrou na noite deste xoves a súa primeira sesión, protagonizada pola da xornalista María Yañéz e do youtubeiro Mario Brión.
Previamente, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o decano en funcións de Ciencias Sociais e da Comunicación, Xosé Baamonde; o director da ANL, Fernando Ramallo, e Dafonte inauguraron unha actividade que “este ano ten máis sentido ca nunca”, como salientou García, quen puxo o acento no papel que as redes sociais poden xogar “na proxección e fomento do uso da nosa lingua, sobre todo en certas franxas de idade”.
Ramallo subliñou que constitúen un “elemento central na promoción, mobilización e divulgación da lingua”, especialmente entre a poboación menor de 40 anos, “que está un pouco máis afastada do galego”.
Baamonde, pola súa banda, sinalou que as e os profesionais que participarán nos tres coloquios que integran o programa, varios formados na facultade, “demostran que hai que ir máis aló da queixa e propoñer e elaborar contidos en galego”.
Mario Brión, ex-estudante da UVigo, achegou ao coloquio moderado por Andrés Fraga a súa experiencia na canle Olaxonmario. Brión puxo o acento en como a “democratización da cultura sen precedentes” que implica o mundo dixital “ofrece a posibilidade de que culturas non hexemónicas poidan ter o seu espazo e incluso crear o seu propio mercado”. No caso do galego, a pesares de existiren proxectos que “están a gañar audiencias considerábeis, sobre todo entre a rapazada”, as iniciativas que se están a desenvolver, sinalou, “son dispersas e faltas dunha liña estratéxica concreta para optimizar o contido en función dos requirimentos das audiencias”.
Tras esta primeira xornada, Redes Galegas contará o 5 de novembro coa participación da ex-alumna Adriana Villamisar, directora de arte na axencia Nasas, e da profesora Pilar Ponte, impulsora da iniciativa 21 días co galego. A última sesión, o 12 de novembro, reunirá aos tamén egresados David Sousa, director creativo en Mustache, e María Reimunde, responsábel de mercadotecnia dixital de captación en Campus Training.

PUBLICIDADE