Celebramos o Día dos Medios en Galego cun concerto de Grande Amore e Ortiga
xoves, 2 de febreiro do 2023
Cada 7 de
febreiro Galicia celebra o Día dos Medios en Galego, data que lembra a saída da
primeira publicación xornalística realizada integramente na nosa lingua: en 1876
Valentín Lamas Carvajal editaba en Ourense O Tío Marcos d’A Portela.
En 2023, somos
máis de 130 medios o que utilizamos a nosa lingua como vehículo, como
ferramenta, como obxectivo en si mesmo. 130 medios polos que en cada convocatoria
de prensa, en cada boletín informativo, en cada noticia, reportaxe, entrevista,
infografía… a lingua e a ollada galega están presentes. Nas ondas, na Rede e no
papel. 130 medios que dignificamos, facendo máis útil, a nosa lingua.
A día de hoxe, un
cento de cabeceiras conformamos a AMEGA. E para seguir movendo a nosa lingua, e
catapultala entre a nosa mocidade, organizamos unha xornada festiva con dúas
das referencias máis relevantes no panorama musical galego.
O xoves 9 de
febreiro, a partir das 20:30, e en colaboración coa Secretaría Xeral de
Política Lingüística e o Concello de Santiago, organizamos
na Sala Capitol un minifestival de música galega contemporánea cos
concertos de Grande Amore e Ortiga. O evento será de
balde, sendo preciso reservar
as entradas en liña.