Celebran o primeiro combate de robots xigantes tripulados

mércores, 18 de outubro do 2017 Marcus Fernández

A pasada madrugada celebrouse o que algúns consideran unha competición histórica: o primeiro duelo de robots de combate xigantes. Tratouse do combate entre robots da estadounidense MegaBots Inc. contra a xaponesa Suidobashi Heavy Industry, aínda que na práctica tiña moi pouco de competición e moito de espectáculo, buscando congregar a milleiros de espectadores de todo o mundo seguindo o evento en vivo a través de Twitch.
O primeiro enfrontamento de robots xigantes tripulados foi entre o estadounidense Iron Glory (MK2) e o xaponés Kuratas, conseguindo este último a vitoria cun único golpe. No segundo asalto Iron Glory foi substituído por Eagle Prime (MK3), que intercambiou algún puñazo e disparo con Kuratas, rematando sen un claro gañador. Finalmente houbo un terceiro asalto algo movido, no que Kuratas tentou cegar a Eagle Prime disparando cunha ametralladora ás súas cámaras, o que non foi moi efectivo, até que o robot norteamericano comezou a estragar a armadura do rival coa serra que tiña nun dos seus brazos, facéndose así coa vitoria.
Rematou en empate este esperado combate que levaba pactado dende hai máis de 2 anos, sen conseguir transmitir a tensión que finxían os presentadores da emisión en streaming, no que parecía máis unha teatralización que un combate real, ou sexa, que en vez dun combate de boxeo entre robots a analoxía máis directa sería coa loita libre americana. En calquera caso é certo que estamos ante o primeiro enfrontamento deste tipo, o que pode considerase algo histórico, aínda que queda por ver se as pretensións de crear campionatos desta disciplina parece ser demasiado ambiciosa para no seu estado actual.

Vídeo íntegro do histórico combate

PUBLICIDADE