Celebran unha manifestación fronte a unha sede virtual do PSOE en Second Life

mércores, 16 de maio do 2007 Marcus Fernández

Os acontecementos políticos en Second Life están pasando de iniciativas innovadoras e anecdóticas a situacións máis esperpénticas, como a manifestación virtual que se convocou esta semana fronte a sede do PSOE de Oviedo (a única que ten o partido neste mundo virtual) á que acudiron preto dun cento de manifestantes con bandeiras españolas e pancartas coa frase “De Juana a la cárcel.
Pero esta concentración se disolveu dun xeito brusco, xa que o administrador da illa na que está a sede socialista en Second Life expulsou ós participantes na manifestación e vetou o seu acceso ó espazo, aínda que moitos deles volveron a ingresar no sistema con outros avatares para reincorporarse á manifestación dun xeito máis calmo.
Todo este tumulto foi provocado por unha discusión dun usuario de Second Life cos responsables do local virtual do PSOE, que rematou con acusacións e insultos e o levaron a mobilizar a amigos e coñecidos para protestar contra o Partido Socialista e o trato recibido por De Juana, aínda que o máis sorprendente podería ser o feito de que a manifestación se está a alongar no tempo, e non ten unha duración efémera como acontece coas mobilizacións no mundo real.

PUBLICIDADE