Celébrase en Ourense unha xornada sobre as perspectivas de futuro da ciberseguridade en Galicia

martes, 13 de xuño do 2023 Redacción

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, inaugurou esta mañá a xornada Ciberseguridade en Galicia: perspectiva e visión de futuro na Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) en Ourense, animando aos alumnos a explorar as oportunidades laborais que ofrece esta tecnoloxía xa que Galicia precisa talento especializado en ciberseguridade para continuar afrontando os retos da dixitalización.
O director da Axencia lembrou que en Galicia “o 30% das pemes e das grandes empresas están a demandar traballadores en ciberseguridade ou pensa facelo nun futuro”. Ademais, sinalou que en España prevese que “o mercado da ciberseguridade acade os 2.000 millóns de euros en 2024”, o que se traduce nunha alta demanda de profesionais do sector.
Cerviño incidiu en que a ciberseguridade é unha prioridade para os gobernos de todo o mundo e subliñou que “protexer a información na contorna dixital e frear a crecente ameaza da ciberdelincuencia non é unha opción, senón unha necesidade”. Por iso, destacou o esforzo da Comunidade para situarse á vangarda nesta tecnoloxía como unha das liñas de actuación da Estratexia Galicia Dixital 2030, que contempla a construción do Centro de Excelencia de Ciberseguridade de Galicia (CECIGA) en San Cibrao das Viñas.

Preto de 200 inscritos

Preto de 200 persoas participan hoxe, de xeito presencial e en liña, nesta xornada organizada polo Nodo CIBER.gal en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) da Universidade de Vigo, no campus de Ourense.
O obxectivo do encontro é achegar aos asistentes o forte atractivo deste sector para fomentar a creación de talento especializado, trasladarlle as oportunidades reais que supón especializarse neste eido e que poidan coñecer de primeira man o día a día dun profesional dedicado á materia. Nesta xornada colaboran entidades e persoas referentes neste ámbito como son o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) e Román Ramírez, coñecido experto en ciberseguridade e fundador da RootedCon, entre outros.
Ao longo do encontro abordarase a actualidade e o futuro da profesión do CISO, que é a figura responsable da xestión da seguridade e protección da información que manexa unha organización para mantela a salvagarda e previr ciberataques ou roubo de datos. Tamén se analizará a evolución e futuro do Nodo Galego de Ciberseguridade, e terán lugar obradoiros prácticos para espertar o interese pola ciberseguridade.

PUBLICIDADE