Centros de Vedra, A Coruña, Brión, Ortigueira e Tordoia impóñense en #ApuntasTech?

xoves, 25 de abril do 2019 Redacción

O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) participou hoxe nas actividades da sétima edición do Día Internacional das Rapazas nas TIC, cuxa vertente galega focalizouse no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). Pola entidade profesional galega concorreu a vogal da xunta de goberno do CPEIG, a enxeñeira en Informática Pilar Vila Avendaño, quen interveu nun coloquio virtual xunto a outras tres mulleres profesionais relacionadas co mundo das TIC: Sonia Valladares, Mercedes García e Bertha Caro. Neste coloquio interactuaron, coas súas cuestións, máis de 400 estudantes de primaria e secundaria de dez centros escolares de toda Galicia.
Ademais, máis de 30 rapaces participaron nos obradoiros e demostracións lúdicas que se levaron a cabo (in situ) na sede do CESGA. Ao fío disto, organizáronse visitas didácticas ao supercomputador Finis Terrae II, ferramenta de computación destinada a abordar proxectos de investigación e que permite reducir de maneira considerábel os tempos de execución das aplicacións actuais.
Asemade, desenvolvéronse diversos obradoiros de robótica, de impresión 3D, de iniciación á programación con Scratch, e demostracións de realidade virtual e mixta, Makey-Makey, un kit de creación interactiva, etc.
31 propostas candidatas ao certame #ApuntasTech?
No marco da xornada conmemorativa deste 25 de abril, a Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia, o CESGA e o CPEIG, convocaron o primeiro concurso #ApuntasTech? para promover as vocacións tecnolóxicas femininas na nosa terra. A inscrición pechouse con 31 propostas de traballos sobre a tecnoloxía na aula de alumnado, profesorado e profesionais da formación en catro categorías: Primaria, Secundaria, Centros Escolares e Libre.
Finalmente, resultaron gañadores os seguintes traballos: na categoría de Primaria, Unha nova impresión para a nosa viaxe (da man de 6 alumnas e alumnos de 6º de Primaria do CPI Plurilingüe de Vedra); na categoría de Secundaria, +Tinkering Apuntastech (da man de alumnado de 3º da ESO D do IES Monte das Moas da Coruña); en Centros Educativos Girls & STEM (primeiro premio, da man de Patricia Hermida, profesora do IES de Ortigueira) e Tócala otra vez Ada (segundo premio, da man de Conchi Fernández Munín, profesora do IES Monte das Moas da Coruña); e na categoría Libre obtivo o primeiro premio Telegal (de Ana Armada de Telemática Galicia).
Ademais foi obxecto dun primeiro accésit o proxecto Recoñéceas, do alumnado de terceiro da ESO B do IES de Brión, na modalidade de Secundaria.
A maiores, o proxecto Pequenos códigos para as nosas pequenas (de Jorge Rascado, profesor do CPI Pecalama de Tordoia) recibiu un accésit primeiro na categoría de centros educativos. Nesta mesma modalidade, Coñecendo ás vedresas (de Yolanda Neira, profesora do CPI de Vedra) foi obxecto dun accésit segundo.
Na categoría Libre, Geometría Fractal (Sergio Cepeda de Proxecto FractalFun) obtivo o accésit primeiro.
O CPI O Cruce recibiu unha mención especial por ser o centro que máis propostas enviou nas diferentes categorías.
Obxectivos
Un dos obxectivos do certame Apuntastech? foi “promover o traballo coa tecnoloxía na aula de forma diversa, lúdica e tendo moi presente a perspectiva de xénero”. Por iso, búscase que “o profesorado conte con estratexias, propostas e ferramentas concretas que axuden a apaixonar sobre o potencial transformador, de beneficio directo á sociedade, e creativo das tecnoloxías na aula”. Ao fío disto, o concurso pretende, “dun xeito lúdico e aberto”, escoitar “a todas as partes implicadas para poder reunir as mellores propostas, e xerar un catálogo dinámico para traballar as tecnoloxías de forma amena, principalmente na aula, pero tamén fora dela, en actividades extraescolares, en familia, etc”. Posteriormente, elaborarase unha recompilación das mellores propostas e publicarase con licencia aberta para a súa descarga na web do concurso, así como en diferentes acubillos de materiais educativos online.
O certame está organizado e patrocinado polo CESGA en colaboración coa Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia, o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas, nodo Galicia (AMIT-Gal) e a Asociación PuntoGal (.GAL). Conta co apoio de múltiples institucións: Axencia Galega de Innovación, Consellería de Educación e Formación Profesional, Axencia Galega de Modernización Tecnolóxica (Xunta de Galicia), Facultade de Ciencias da Educación e Unidade Woman Emprende da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo (UVIGO), Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), Asociación MujeresTech, e grupos de mulleres tecnólogas en Galicia como GalsTech e Hello Sisters!, así como a tenda en liña Bricogeek.com.

PUBLICIDADE