Centros de ensino públicos da Coruña participarán na segunda edición de Talentos Inclusivos

xoves, 11 de novembro do 2021 S. P.

Este 11 de novembro celebrouse na Coruña a presentación da segunda entrega do programa Talentos Inclusivos, iniciativa tecnolóxico-solidaria impulsada polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e a asociación ASPACE Coruña, en colaboración co Concello da Coruña. Trátase dun relevante proxecto destinado a fomentar as vocacións TIC entre a mocidade, á vez que dá visibilidade ás persoas con diversidade funcional e contribúe a facilitar o seu día a día mediante solucións tecnolóxicas innovadoras. Recentemente foi recoñecido co Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino que concede o CPEIG.
Na presentación, celebrada na Sala Leonardo Da Vinci da Domus, participou a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, quen dixo que o Concello porá a disposición da iniciativa os seus centros de ensino públicos e máis a súa capacidade de interlocución coa comunidade educativa. O obxectivo: conseguir a máxima difusión de Talentos Inclusivos.
Nesta segunda edición participarán tres centros públicos de Educación Secundaria da cidade: os institutos Calasanz PP. Escolapios, Agra do Orzán e Zalaeta.
A partir do mes de decembro e ata maio do 2022 os diferentes centros participantes traballarán coa colaboración de usuarios de ASPACE no desenvolvemento destas ferramentas tecnolóxicas que melloren a calidade de vida das persoas con parálise cerebral. "Este é un proxecto que conxuga dous elementos centrais da nosa acción política: a aposta pola ciencia e o coñecemento e a inclusión", sinalou Inés Rey.
A rexedora animou aos participantes neste proxecto a dar o máximo durante esta segunda edición: "Queda por diante un curso cheo de retos para os participantes nesta segunda edición de Talentos Inclusivos. Estou segura de cando remate esta segunda edición, os proxectos desenvolvidos durante estes meses amosarán o esforzo de todos. E o máis importante, contribuirán a mellorar a calidade de vida das persoas con parálise cerebral".

PUBLICIDADE