Certifican a seguridade informática do SERGAS

martes, 2 de xullo do 2024 Redacción

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, recibiu esta mañá de mans do director de AENOR, José Rodríguez Coello, o certificado que acredita ao conxunto de servizos tecnolóxicos da Sanidade pública galega co máis alto nivel de protección, de acordo co Esquema Nacional de Seguridade.
Acompañado pola secretaria xeral técnica, Natalia Lobato, e polo subdirector xeral de Sistemas y Tecnoloxías de la Información, Benigno Rosón, Caamaño destacou a importancia que posúe salvagardar a información e os datos dos pacientes galegos, apuntando que a totalidade das súas unidades do SERGAS e conxunto dos centros de saúde xa acadan o nivel máximo posible nesta garantía.
Deste xeito, a Sanidade pública galega convértese na primeira de España en certificar este nivel de protección en todos os seus servizos tecnolóxicos.
Entre os servizos aos que dá cobertura esta certificación atópanse os datos vencellados á historia clínica dos pacientes e a actividade asistencial do Servizo Galego de Saúde; a xestión integral dos recursos humanos (incluídas as oposicións e outros procesos de concorrencia competitiva); a administración económica e orzamentaria; a información de saúde pública e inspección sanitaria; os datos de tarxeta sanitaria; a xestión da investigación en saúde; a formación e a súa acreditación; a xestión multicanle das relacións coa cidadanía; e os servizos de xestión da plataforma hardware, software e rede de telecomunicacións.
O sistema da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde certificado polo Esquema Nacional de Seguridade inclúe tamén os servizos a través de internet ofrecidos á cidadanía. En concreto, no que atinxe as aplicacións SERGAS Móbil (coa que, por exemplo, é posible solicitar citas a través de internet), a aplicación É-Saúde (ferramenta de acceso á documentación clínica persoal) ou a Plataforma TELEA (que facilita o teleseguimento de pacientes por parte dos profesionais sanitarios).