Certifican dende o Campus de Pontevedra que os vellos partidos políticos desaproveitan as redes sociais

xoves, 2 de novembro do 2017 Redacción

Esta semana (30 e 31 de outubro) celebrouse no Campus de Pontevedra (UVigo) a segunda edición das Xornadas Científicas de Comunicación Organizacional, nas que participaron preto de 20 especialistas de diferentes universidades estatais, aos que se sumaron outros 30 inscritos e 55 comunicacións. O evento, que veu da man da Asociación Española de Investigación e o grupo de investigación CP2, constituíse coma un foro de debate sobre novos medios e tecnoloxías da comunicación e sobre como estas ferramentas poden mudar as relacións das organizacións cos seus destinatarios (usuarios, clientes e colaboradores reais ou potenciais). Entre os temas concretos nos que se fixo fincapé situáronse as redes sociais. Segundo se fixo saber, a actitude xeral das organizacións políticas fronte a estes servizos está a ser máis ben conservadora, de risco controlado. Pola contra, non se adoitan explorar vieiros que poidan xerar máis beneficios.
Estes fenómenos arredor das redes sociais foron avaliados ao detalle polo profesor Andreu Casero, da Universidade Jaume I de Castellón, quen achegou un estudo sobre o uso de Twitter nas eleccións xerais de xuño de 2016. Segundo fixo saber, a existencia dun “escenario moito máis aberto”, no que xa non só as/os profesionais da comunicación teñan “capacidade de construír e difundir mensaxes” constitúe unha das claves dese novo escenario no ámbito da comunicación política. Un escenario que implica, dixo, “novas oportunidades laborais” e a posibilidade de que tanto organizacións políticas como colectivos sociais poidan desenvolver “unha estratexia comunicativa en redes sociais que poida xerar algún tipo de influencia”. O abano de utilidades neste eido é tan amplo como poidamos imaxinar, engadiu, e o abano inclúe cousas como artellar comunidades virtuais ou chegar máis directamente á cidadanía. “Outra cousa”, explicou, “é que os actores políticos aproveiten esas oportunidades ao 100%”.
Segundo fixo saber Casero, só os movementos cidadás e organizacións políticas emerxentes, como Podemos ou Cidadáns, “aproveitaron máis as redes sociais para buscar fórmulas innovadoras de comunicación”. Pola contra, nos principais partidos prima “unha xestión conservadora” das redes, “polo medo a perder o control da mensaxe”, dirixida a “evitar riscos”. Entre os principais perigos atópase o feito de que unha mensaxe remate converténdose nun meme, situación que ao seu xuízo, “acabaría por bloquear novas fórmulas” que poderían resultar “unha vía moi interesante para captar a novos públicos pouco interesados na política”.

PUBLICIDADE