César Fieiras avalía nun libro a fonda transformación sufrida polo ecosistema mediático trala irrupción da IA

martes, 7 de xullo do 2026 S. P.

O investigador lucense do grupo Novos Medios César Fieiras Ceide vén de publicar o libro IA, innovación y medios. 150 entrevistas para comprender el cambio, editado por Tirant Humanidades e dispoñible en acceso aberto a través do repositorio Minerva. A publicación sostén que “a innovación é xa un elemento esencial para a supervivencia e competitividade dos medios de comunicación”.
A obra analiza como a innovación, a intelixencia artificial e a experiencia de usuario están a reconfigurar o ecosistema mediático a partir dun traballo de campo desenvolvido entre 2019 e 2025, no que o autor realizou máis de 150 entrevistas con profesionais de medios de comunicación de máis de trinta países, corpus principal sobre o que se constrúe o volume.
O libro conta cun prólogo de Charlie Beckett, profesor de Xornalismo no Departamento de Medios e Comunicacións da London School of Economics and Political Science (LSE) e director do proxecto Polis JournalismAI.
A partir destas voces, o traballo ofrece unha lectura comparada e aplicada sobre os cambios que atravesan as organizacións mediáticas e sobre as decisións coas que están a construír a súa versión futura. O traballo inclúe persoas vinculadas á dirección editorial, á innovación, á estratexia, ao produto, á tecnoloxía, aos datos e ao traballo diario das redaccións.
A investigación identifica seis grandes eixos de innovación que están a redefinir o sector: a reorganización interna das redaccións, a transformación dos produtos informativos, a automatización de procesos mediante IA, o desenvolvemento de plataformas propias, a reconexión coas audiencias novas e a exploración de novas narrativas inmersivas.
Ao longo de 16 capítulos, a obra examina como a intelixencia artificial está a modificar as rutinas profesionais, os modelos de gobernanza, a relación coas audiencias e a experiencia do usuario, á vez que aborda os desafíos éticos, regulamentarios e editoriais derivados da súa aplicación práctica.
O autor sostén que “a IA non substituirá o valor diferencial do xornalismo, senón que obrigará a redefinilo”. E engade: “Nunha contorna cada vez máis automatizada, a credibilidade, o criterio editorial, a supervisión humana e a capacidade de xerar confianza emerxen como activos estratéxicos para os medios”.
A publicación traslada a “un formato narrativo e con vocación de transferencia” parte do percorrido investigador desenvolvido polo autor nos últimos anos, recollido previamente na súa tese doutoral e en máis de 100 contribucións académicas, entre artigos científicos, capítulos de libro e participacións en congresos.
O obxectivo, sinala o autor, “é achegar este coñecemento a profesionais do sector, alumnado de Comunicación e persoas interesadas nas transformacións actuais dos medios, mantendo o rigor académico e unha orientación aplicada”.
O traballo enmárcase nas liñas de investigación do proxecto OpenPSM (PID2024-160337OB-I00 - Medios de comunicación públicos abertos na era a Intelixencia artificial: valor público, sociedade inclusiva e innovación ecosistémica), financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, a Axencia Estatal de Investigación (AEI) e os fondos FEDER da Unión Europea. Ademais, intégrase nas actividades do grupo de investigación Novos Medios, da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela sobre innovación, intelixencia artificial, transformación dixital, medios de servizo público, experiencia de usuario e evolución dos modelos profesionais e organizativos do xornalismo.
César Fieiras Ceide é doutor en Comunicación (cum laude) pola Universidade de Santiago de Compostela, onde exerce como docente e investigador. O seu traballo céntrase na análise das propostas de innovación, a repercusión transversal da intelixencia artificial, e a importancia crecente da experiencia de usuario nos medios de comunicación. Investiga como a tecnoloxía está a redefinir o papel estratéxico das organizacións mediáticas nun ecosistema cambiante e como integran a IA para crear servizos de valor engadido, optimizar a relación coas audiencias e reposicionarse na economía da atención. Acumula máis de 100 contribucións entre revistas científicas, volumes colectivos de referencia e a participación nos principais congresos internacionais da área, articulando rigor metodolóxico e unha perspectiva aplicada orientada a comprender a transformación real dos medios e a posible débeda cognitiva que xerará a IA sobre os xornalistas.