César Hidalgo presenta nos #CiTIUSTalks o seu libro sobre as futuras interaccións entre homes e máquinas

luns, 28 de xuño do 2021 S. P.

Analizar o papel que imos xogar nun futuro onde as máquinas están destinadas a tomar milleiros de decisións relativas ao noso día a día, persoal e laboral, será un dos eixes temáticos da charla do investigador e divulgador César Hidalgo que ofrece o CiTIUS da USC este mércores 30 de xuño, a partir das 12.00 horas, abeirada ao ciclo #CiTIUSTalks e convocada baixo o seguinte epígrafe: Como os humanos xulgan ás máquinas.
Máis polo miúdo, César Hidalgo presentará no CiTIUS o libro How Humans Judge Machines (Como os humanos xulgan ás máquinas), ao longo dunha charla virtual na que comparará as reaccións das persoas ante as accións realizadas por humanos e máquinas. Utilizando datos recompilados en ducias de experimentos, o libro revela os rumbos que impregnan as interaccións entre nós e as tecnoloxías avanzadas.
O investigador César Hidalgo é director do Centro de Aprendizaxe Colectiva do Instituto de Intelixencia Artificial e Natural (ANITI) da Universidade de Toulouse (Francia). A partir de experimentos aleatorios, Hidalgo e os seus colaboradores crean contrafactuais reveladores e constrúen modelos estatísticos para explicar como as persoas xulgamos a Intelixencia Artificial (IA), e se o facemos de maneira xusta ou non. “Trátase dunha investigación orixinal, que nos achega un paso máis a comprender as consecuencias éticas da Intelixencia Artificial”, adianta o CiTIUS, lembrando que o traballo How Humans Judge Machines pódese ler de forma gratuíta na Rede.

PUBLICIDADE