Chantada acolleu a presentación dun proxecto que facilitará o uso de drons no sector vitivinícola da Ribeira Sacra

mércores, 30 de xullo do 2025 S. P.

Este martes 29 de xullo o Auditorio Municipal de Chantada acolleu o acto de presentación do proxecto piloto ESCAI (Espazos Aéreos Comerciais Innovadores). Trátase dunha iniciativa posta en marcha pola empresa INECO co apoio da Axencia Estatal de Seguridade Aérea, entre outras entidades, que pretende facilitar o uso de drons nos viñedos da comarca da Ribeira Sacra e conectar aos posibles demandantes cos posibles provedores. O acto contou coa presenza da deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto.
Neste evento, no que tamén se detallou o marco regulamentario do uso deste tipo de aeronaves, realizouse unha demostración da plataforma dixital ESCAI e avanzóuselles aos asistentes como rexistrarse e como aproveitar ao máximo as súas posibilidades.
O evento estivo dirixido a viticultores, adegueiros e empresas interesadas en incorporar drons nos seus procesos, como loxística ou vixilancia.
ESCAI é un ecosistema creado para impulsar o uso seguro e economicamente viable de servizos aéreos innovadores en España. O seu obxectivo é facilitar a integración de novas tecnoloxías en sectores como a viticultura, a xestión forestal e os servizos rurais. A iniciativa piloto ESCAI Ribeira Sacra será a primeira despregadura real deste modelo nunha contorna considerada de alto valor para o sector.
O proxecto piloto conta con financiamento e promoción por parte de INECO. Ademais, recibe o apoio da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), ENAIRE, a Dirección Xeral de Aviación Civil (DGAC) e a Agrupación industrial Española para a Mobilidade Aérea Innovadora (SIAM).
Durante a presentación debulláronse os detalles do modelo ESCAI, que inclúe a súa visión estratéxica e os elementos clave como o marco regulamentario, a infraestrutura e a gobernanza.
No acto levouse a cabo unha demostración en directo da plataforma dixital ESCAI, que funciona como “portelo único para rexistrar organizacións e coñecer oportunidades dentro do ecosistema”.