ChatGPT amplía as probas do seu modo de voz avanzado

martes, 30 de xullo do 2024 Marcus Fernández

OpenAI anuncia hoxe o inicio da despregadura do seu modo de voz avanzado de ChatGPT para os subscritores de pagamento do servizo, de xeito que será posible interactuar mediante voz con ChatGPT dun xeito máis natural, podendo manter conversas en tempo real, podendo interromper en calquera momento e incluso reaccionado ás emocións do usuario.
Esta vista previa do modo de voz avanzado activarase paulatinamente entre os subscritores de ChatGPT Plus, aos que se lles notificará a posibilidade de acceder a esta nova función, con intención de que no outono xa estea dispoñible para todos os subscritores de pagamento.
Estas probas pretenden servir para mellorar a calidade das conversas de voz e a súa seguridade, de cara a poder abrir esta tecnoloxía a millóns de persoas máis adiante, e tamén incorporarán no futuro capacidades de vídeo e de compartición de pantalla.
Aseguran ter probado estas capacidades de voz nuns 45 idiomas e polo momento limitan a saída a 4 voces preconfiguradas (incluíndo tamén medidas de seguridade para evitar o contido violento ou que vulnere o copyright).