ChatGPT ten xa 700 millóns de usuarios activos

luns, 4 de agosto do 2025 Marcus Fernández

Nun momento no que as miradas do sector TIC están postas en OpenAI agardando o anuncio de GPT-5, o vicepresidente da compañía e responsable da aplicación de ChatGPT vén de anunciar que ChatGPT chegará aos 700 millóns de usuarios activos á semana, o que supón un crecemento moi importante fronte aos 500 millóns de usuarios do mes de marzo, e cuadriplicándose o número de usuarios activos en só un ano.
Cómpre lembrar que o número de usuarios de ChatGPT disparouse coa función de xeración de imaxes que, aínda que inicialmente se utilizarse para cousas tan insignificantes como a creación de imaxes emulando o estilo do estudio Ghibli, supuxo para moitos o descubrimento dunha ferramenta que agora empregan de xeito cotián, e que en moitos casos chega incluso a substituír aos buscadores web para resolver dúbidas.
A compañía non só está a ter éxito entre o público en xeral, senón que estes días tamén anunciaron a superación da barreira dos 5 millóns de usuarios corporativos de pagamento, o que supón un grande salto dende os 3 millóns que tiñan no mes de xuño.
Queda por ver como evolucionarán estas cantidades unha vez que se presenten as novidades da vindeira xeración do GPT que promete ser toda unha revolución.