Chega ANFAIA, a asociación galega que busca a parte máis social e responsábel da IA
martes, 1 de outubro do 2024
Axudar a profesionais e estudantes galegos a introducirse no eido da investigación para o desenvolvemento de novas ferramentas de Intelixencia Artificial (IA) é a misión da Asociación Nacional Faro para a Aceleración da Intelixencia Artificial (ANFAIA). Esta asociación, cun enfoque da IA máis social e responsábel, chega a Galicia para “fomentar a investigación interdisciplinaria e a creación de aplicacións de vangarda que combinen as IA coas humanidades, as artes, a robótica e as ciencias da saúde, co fin de promover a innovación, mellorar a calidade de vida e enriquecer a experiencia humana e a súa interacción tecnolóxica”.
ANFAIA créase na contorna de A Coruña, cidade que dá acubillo a axencia que debe impulsar a comunidade europea da IA co desenvolvemento sustentábel desta tecnoloxía.
Detrás de ANFAIA atópase Ismael Faro Sertage, investigador e directivo en organizacións como IBM e que desempeña a súa actividade desde Estados Unidos. A súa importancia reside na diversidade de áreas que se van a apoiar, desde a IA e a robótica até a IA e a saúde, a cultura, a sustentabilidade ambiental e a interacción humano máquina... Aínda que de ámbito global, contará cunha liña de traballo que a fixa á terra dos seus fundadores, para achegar e facer accesíbel á sociedade recursos e documentación en galego, contribuíndo á preservación do patrimonio histórico artístico. Para iso, a asociación promoverá a colaboración entre expertos en IA, artistas, humanistas, enxeñeiros robóticos e profesionais da saúde e ambientalistas para que aborden unha gran variedade de desafíos complexos que até agora non se realizaron. É o caso da investigación e o desenvolvemento de sistemas de IA que poidan mellorar a preservación, interpretación e difusión do patrimonio cultural, ademais da exploración do uso da IA e a robótica na creación artística, a expresión cultural e o deseño de experiencias inmersivas. Así como tamén, o estudo das implicacións éticas, legais e sociais do uso da IA nos ámbitos culturais, artísticos e da saúde, e o fomento da educación e a concienciación pública sobre o potencial e os desafíos da IA nestes eidos.
Dentro destes ámbitos, vanse levar a cabo varias áreas de investigación tanto humanísticas como sociais de xeito responsábel e centradas no beneficio social: o patrimonio cultural dixital e a realidade aumentada/virtual no seu conxunto; a creatividade computacional e a xeración de arte con IA; a robótica social e de servizos para museos, eventos culturais e atención médica; o procesamento da linguaxe natural para a análise de textos históricos e literarios; a visión artificial aplicada a diagnósticos médicos e a conservación de obras de arte; as interfaces cerebro-computadora para experiencias artísticas e terapias de rehabilitación; e a ética e impacto social da IA na cultura e a saúde.
ANFAIA marca a diferenza coas outras asociacións porque o seu labor non se centra só en impulsar a innovación, senón tamén en mellorar a calidade de vida e enriquecer a experiencia humana a través de novas ferramentas de Intelixencia Artificial.